
Que en Valdeorras hai moitos e bos músicos está fóra de toda dúbida. Así o demostra a completa e continuada actividade que está levando acabo AMAVA, con cursos, concertos, exhibicións… e tamén a creación de xoves e ilusionantes bandas ao seu abeiro.
Un exemplo é KZ Angel’s, un bonito grupo de rapaces de 13 anos que, malia ter xa actuado hai uns días na jam session no Escoditte Inglés da Rúa, estrearase por todo o alto o vindeiro sábado 25 de abril no marco da Festa do Cordeiro en Larouco. Actuarán arredor das sete da tarde, despois do xantar, poñendo ritmo ao festexo no pavillón municipal.

E ao día seguinte terá lugar unha nova clase de batería no local de ensaio de Calabagueiros. Será a partir das 16 horas para “aprender ou mellorar a técnica” contando nesta ocasión con Antonio Prada como profesor.
As clases divídense por nivel de coñecemento e as prazas son limitadas polo que é necesario reservar con antelación.