ConcellosÚltima hora

A Xunta activará mañá a alerta amarela por calor na área de Valdeorras

O nivel 1, amarelo, afectará aos concellos do Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras

 

No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, e segundo os datos enviados hoxe por MeteoSalud e por Meteogalicia, mañá luns activarase a alerta amarela por episodio de calor na zona isoclimática de Valdeorras.

O nivel 1, amarelo, afectará aos concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.

Meteogalicia informa que as altas presións situadas ao norte da península Ibérica atraerán unha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que chegará mañá a Galicia e estará sobre a nosa comunidade ata o mércores. Isto, combinado co ceo despexado e as moitas horas de sol, fará que as temperaturas alcancen valores moi elevados, polo que cómpre seguir as recomendacións para evitar un posible efecto adverso sobre a saúde.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, as recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, están dispoñibles na ligazón: https://airesaude.sergas.gal/Contidos/CC_Recomend_calor?idioma=ga.

Efectos sobre á saúde

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.

A calor excesiva pode alterar as nosas funciones vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos. Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía.

Back to top button