ConcellosÚltima hora

A Xunta adapta as conexións de bus entre a Estación da Gudiña e as comarcas de Valdeorras, Viana e Verín

Os axustes en 12 servizos de autobús aseguran a conexión con 7 trens con saída e chegada á Gudiña dende Madrid

 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao complexo deportivo de Monterrei para anunciar que o Goberno galego ampliará a partir do 22 de xullo a oferta de servizos de transporte público interurbano na comarca de Ourense para mellorar as conexións tanto do Hospital de Piñor como das piscinas de Monterrei.

Explicou Manuel Pardo, que co fin de dar resposta á crecente demanda de transporte público cara este centro sanitario, a Xunta ampliará os horarios semanais na ruta Piñeiro – Ourense E.I. que dá servizo ao Hospital de Piñor. Con saída dende a estación intermodal incorpóranse tres expedicións ás 12:30, 17:00 e 18:00 horas de luns a venres non festivos. Dende Piñeiro haberá novas saídas ás 14:00 e 18:30 horas de luns a venres non festivos. Estas cinco novas expedicións súmanse ás 22 existentes, que conectan o Hospital de Piñor con Ourense.

Os horarios de saída dalgunhas liñas da comarca terán pequenos axustes de 5 ou 10 minutos para optimizar a prestación dos servizos ao longo do día. Unha das liñas e a Toén-Ribadela-Ourense E.I que dende o 22 de xullo terá novo horario de saída ás 10:30, 11:20 e 17:25.

Outra actuación que se fixo para atender ás necesidades das persoas usuarias durante a tempada estival, foi engadir unha nova saída ás 11:40 de luns a venres na liña que une A Valenzá e Ourense con Monterrei (Piscinas). Agora a ruta contará con 7 expedicións diarias.

Conexión da estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín

O delegado territorial anunciou tamén a reestruturación, a partir de mañá, dos horarios dos autobuses que conectan a estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín. Deste xeito, e grazas a doce enlaces diarios, facilitarase a intermodalidade das persoas que utilizan a conexión con Madrid e que se dirixen aos concellos do Barco, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín, Viana, Larouco, Riós e Verín.

Manuel Pardo explicou que os axustes deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade garanten a marxe necesaria para enlazar cos 4 servizos ferroviarios que teñen saída da Gudiña con sentido cara Madrid. Os autobuses con saída do Barco chegan á estación de tren ás 11:50, 13:30 e 17:32 horas de luns a venres laborables. Para os usuarios que saen de Verín o servizo chega á Gudiña ás 13:21 horas e dende Viana ás 15:16 horas. Estes servizos aseguran o enlace cos trens con saída cara Madrid das 12:08, 13:42, 15:34 e 17:45 horas.

Do mesmo xeito, as persoas usuarias que cheguen á Gudiña dende Madrid contarán con autobuses que sairán cara O Barco ás 10:45, 16:15 e 20:20 horas de luns a venres laborables e dirección Verín ás 11:21, 15:51 e 20:11 horas de luns a venres laborables. Estas expedicións permiten o enlace cos trens procedentes de Madrid das 10:27, 15:32 e 20:02 horas.

Mobilidade adaptada ás necesidades das persoas

O delegado territorial salientou que estas melloras atenden as solicitudes e propostas feitas desde distintos ámbitos da sociedade ourensá e son resultado dunha análise e estudo do aumento da demanda entre estas contornas e a cidade de Ourense e incidiu na aposta da Xunta pola continua mellora deste servizo público colectivo de cara á súa optimización, para o que se realiza un constante seguimento do funcionamento e escoita das suxestións e reclamacións.

Manuel Pardo aproveitou para poñer en valor o Plan de transporte público de Galicia; un plan “sostible, eficiente, útil e accesible” que tamén se pretende que sexa “o máis económico posible para as persoas usuarias”. Por iso, a Xunta mantén bonificacións a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), así como da Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65

Toda a información completa dos horarios e das paradas destes servizos poderá consultarse na páxina web www.bus.gal.

 

 

Back to top button