
A Xunta de Galicia acaba de aprobar o proxecto de expropiación dos terreos do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. Así se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, onde se recolle a resolución definitiva deste trámite iniciado o pasado ano dando cumprimento así ao compromiso de completar o expediente antes de que remate 2026.
Tal e como se recolle na resolución, ao abeiro deste procedemento, o Goberno galego adquirirá as 15 hectáreas propiedade da Comunidade de Montes por un importe de 241.962,43 €. Trátase dunha superficie incluída nas 20 hectáreas do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa e na que se inclúe o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las, un dos xacementos máis importantes de Galicia.
Cómpre lembrar que o trámite publicado hoxe chega despois do acordo asinado o pasado mes de setembro polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, co representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, propietarios dos terreos, para iniciar o procedemento da expropiación amigable e a declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos.
Ben representativo do patrimonio arqueolóxico
O Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse iniciado, en maio do pasado ano, o expediente de incoación para declarar o conxunto como Ben de Interese Cultural.
Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente aínda en marcha destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono.
Foi precisamente esta singularidade a que fixo que a Xunta de Galicia o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes que recibe cada ano máis de 10.000 persoas.