
A Xunta de Galicia elaborou un estudo sobre a poboación do xabaril co obxectivo de optimizar as medidas de control desta especie na comunidade. Así o explicaba hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha reunión con representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios, a conselleira indicou que esa análise estima unha poboación de “máis de 82.000 xabarís en territorio galego, cunha densidade media de 2,77 exemplares por quilómetro cadrado”.
Para a determinación da estima poboacional de xabaril en Galicia tomáronse como referencia os datos de capturas correspondentes á tempada cinexética 2024-2025 (preto de 19.000 exemplares). A partir desa información, obtívose un cálculo do número total de exemplares dentro dos terreos cinexéticos coa aplicación dunha taxa de extracción cinexética, que consiste nunha relación entre o número de exemplares capturados e o de totais. Ademais, estimouse tamén un número de exemplares fóra dos terreos cinexéticos baseado na densidade media de xabaril en Galicia. Segundo indicou a conselleira, estas cifras son coherentes coas estimas realizadas en traballos científicos recentes para toda Europa e que identifican Galicia como unha das áreas con maior densidade xabarís do continente.
Logo de subliñar que o estudo levado a cabo pola Xunta se trata dunha “estimación poboacional” e recordando a necesidade de medidas de actuación acordes ao reparto competencial nesta materia, a conselleira lamentou o desleixo do Goberno central e reiterou a necesidade de contar un censo desta especie a nivel nacional para contar cun maior control e seguimento desta especie.
Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta está a artellar medidas de control co fin de incrementar e facilitar os mecanismos necesarios para regular as poboacións desta especie e reducir o posible impacto negativo que poida ocasionar sobre o medio ambiente e a agricultura, así como os efectos non desexados que poida ter sobre a sanidade animal, a saúde pública e a seguridade viaria. Neste sentido, os representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios tamén realizaron aportacións ao coincidir na necesidade de seguir adoptando medidas para controlar as poboacións de xabaril.

Medidas de reforzo
Así, unha vez rematada emerxencia cinexética, que afectou ao 83% da superficie galega, a Xunta axilizará entre o 1 de marzo e o 30 de xuño -un dos períodos no que se concentran os danos nos cultivos- as autorizacións das medidas para o control e prevención de danos. No caso de días hábiles a solicitude deberá realizarse cunha antelación de 24 horas respecto á data na que se quere realizar a medida de control e de 48 horas se coincide cunha xornada inhábil.
Entre as medidas de reforzo autorizables nos próximos catro meses, inclúense accións paliativas tras danos e preventivas, sempre que se axusten ao marco normativo vixente: en concreto, poderán autorizarse de inmediato batidas (con armas ou na modalidade disuasoria), esperas, desencame de xabarís con cans atrelados e outras accións excepcionais en determinado tipo de terreos como a instalación de gaiolas trampa.
No caso concreto das gaiolas trampa, a conselleira puxo en valor o seu bo resultado en áreas urbanas e periurbanas onde non se poden realizar accións cinexéticas. De feito, desde a súa posta en funcionamento en 2023 xa se capturaron con este sistema arredor de 150 exemplares. Nesa liña, Ángeles Vázquez avanzou que se van comprar novas gaiolas de maiores dimensións para ofrecer un mellor servizo aos concellos que o soliciten a través do procedemento habilitado polo Goberno galego.