
A Xunta de Goberno Municipal vén de acordar, segundo fixo público o Concello, “solicitar actuacións urxentes e explicacións ao Ministerio de transportes sobre o estado da estrada N-120 ao seu paso por Quiroga.
O acordo no que se solicita formalmente ao Ministerio de Transportes información detallada sobre as actuacións previstas na N-120 ao seu paso por Quiroga e o calendario de execución das mesmas, así como a petición de incluír unha actuación integral de mellora e mantemento do tramo correspondente ao municipio dentro dos seus plans de conservación de estradas; enviarase ao Ministerio de Transportes e á Subdelegación do Goberno”.
Para o municipio de Quiroga e para a súa comarca, a estrada N-120 constitúe unha “vía de comunicación fundamental” e presenta actualmente “un estado de conservación moi deficiente no seu tramo ao seu paso polo termo municipal, con numerosas fochancas, irregularidades do firme e zonas deterioradas que supoñen un grave risco para a seguridade viaria de veciños, transportistas e visitantes”.
Este ano, matiza o Concello de Quiroga, realizáronse labores de mantemento, “os cales non foron suficientes, e nos que se vei un peor estado da estrada. Esta situación xera un perigo constante para a circulación, incrementa o risco de accidentes e provoca danos nos vehículos, ademais de ofrecer unha imaxe negativa do municipio”.
O Concello de Quiroga conclúe que, “dado que se trata dunha vía de titularidade estatal, correspóndelle ao Ministerio de Transportes o seu mantemento e conservación, polo que ven necesario esixir actuacións urxentes e coñecer as previsións de intervención previstas”.