
A Xunta de Persoal do Distrito Sanitario de Valdeorras (formada polas centrais sindicais do sector saúde: CIG, UGT, CCOO, SATSE, SAE e CSIF) vén de emitir un comunicado posicionándose públicamente a favor da manifestacion que a Plataforma Sanitaria de Valdeorras realizará o 17 de outubro de 2026 no Barco de Valdeorras “en defensa da recuperación e a adaptación dos servizos sanitarios do Distrito Sanitario de Valdeorras ás necesidades da cidadanía do noso distrito”.
No texto da nota de prensa explícanse tamén os motivos deste apoio á mobilización, citando “perda de servizos clínicos e profesionais, tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria”, “a inadecuación das carteiras de servizos sanitarios ás necesidades reais da nosa poboación, inexistencia de estudos de prevaleza de patoloxías importantes na nosa comarca, como puidese ser a silicose”, ademais de mencionar a “negativa a dotar dunha ambulancia de soporte vital avanzado ao noso distrito sen ter en conta as nosas características orográficas e socioeconómicas”.
Os sindicatos falan así mesmo de falta de “canles de participación social como o Consello de Saúde do Distrito” e de diálogo. Ademais a Xunta de Persoal do Distrito Sanitario de Valdeorras chama á participación da cidadanía á manifestación “en defensa do seu dereito a unha atención sanitaria eficaz, próxima e de calidade”.