
O subdelegado do Goberno presidiu esta mañá a sesión da Xunta Local de Seguridade do Concello de Ourense, na que se aprobou o operativo especial para garantir a seguridade de veciñanza e de visitantes durante a celebración das Festas do Corpus, que se desenvolverán entre os días 18 e 23 de xuño, e para o resto de eventos festivos do verán. A reunión celebrouse na Subdelegación do Goberno e a ela asistiron o concelleiro do Concello de Ourense, Antonio Fernández; a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Beatriz Fernández, e o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, xunto con responsables da Policía Nacional, da Policía Local, Policía Autonómica, así como representantes das asociacións de veciños y empresariais da cidade de Ourense, que acudiron en calidade de invitados.
Eladio Santos detallou que neste dispositivo participarán todas as Forzas de Seguridade presentes na cidade, que se coordinarán con servizos de emerxencia municipal para que, apuntou o subdelegado, “as persoas asistentes poidan celebrar estas festas con tranquilidade e ledicia”. O subdelegado tamén pediu que a xente que acuda ás festas actúe “coa responsabilidade de seguir as indicacións dos operativos, sobre todos nos eventos en que se prevé maior afluencia de persoas”. En paralelo a estes eventos, o subdelegado avanzou que a Policía Nacional activará unha nova edición do Plan Comercio Seguro, para reducir a comisión de infraccións penais relacionadas co comercio e o aumento do turismo.

Avaliación do seguridade cidadá en Ourense
Na Xunta Local de Seguridade realizouse unha avaliación dos datos de seguridade cidadá rexistrados no Concello de Ourense a data de 31 de maio e en comparación coa mesma data do ano pasado. Neste sentido, a reunión constatou unha diminución significativa nas infraccións penais graves e menos graves, especialmente nos delitos contra as persoas e contra o patrimonio. O subdelegado felicitou á Policía Nacional polo seu traballo na contención, prevención e esclarecemento de roubos, tanto nos roubos con violencia en establecementos e vivendas como en roubos con intimidación.
Respecto á violencia machista, Eladio Santos indicou que hai 174 casos activos no Sistema VIOGEN na cidade de Ourense, 4 menos que hai un ano. Neste punto, o subdelegado significou que non hai ningún caso en risco alto ou extremo, ao tempo que insistiu na necesidade de seguir a traballar de forma coordinada co resto de administracións para erradicar calquera forma de violencia machista na cidade.

Centros educativos
A Xunta Local tamén abordaron a marcha do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, que desenvolveu 95 actividades en 21 centros educativos na cidade de Ourense o ano pasado, nas que predominaron as temáticas relacionadas co ciberacoso, ciberseguridade e medio ambiente. Nelas participaron 9.000 nenos e nenas dos colexios da cidade. O Plan completouse con 6 reunións con asociacións de pais e nais e equipos de profesorado dos centros.