SanidadeÚltima hora

A Xunta mantén para mañá a alerta laranxa por episodio de calor unicamente en Valdeorras

 

Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta informa que mañá o sistema de alerta por episodio de calor será na seguinte zona isoclimática:

Zona isoclimática de Valdeorras: nivel 2, laranxa. (Valdeorras: O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras).

Durante o venres Galicia permanecerá na influencia das altas presións coa entrada dunha fronte pouco activa polo litoral norte. Con esta situación agárdanse ceos máis cubertos no terzo norte, coa posibilidade dalgúns orballos e ceos máis abertos na metade sur, con formación de nubes de evolución pola tarde no interior que poderán deixar algúns chuvascos máis probables no sur da provincia de Ourense.

As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso nas mínimas, moderado nas máximas. O vento soprará moderado de compoñente norte.

No que atinxe ao deporte federado, desde a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, recoméndase á organización das probas que adapte os horarios da práctica deportiva ás condicións específicas de cada zona, tomando as medidas preventivas necesarias para minimizar o impacto das altas temperaturas na saúde.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas está dispoñible nesta ligazón.

Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.

Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.

Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.

Foto: Axega.

Back to top button