
A pesar da evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña e Aragón, as medidas adoptadas por partes destas Comunidades Autónomas, así como a plan vacinal instaurado en certas zonas de España, a Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución pola que se manteñen as medidas de prevención da enfermidade da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) que afecta ao gando bovino, co fin de seguir protexendo a cabana galega.
A medida producirá os seus efectos desde o próximo 1 de novembro e ata o 31 de decembro, ambos incluídos, e poderase prorrogar en función da evolución epidemiolóxica da doenza. A análise do risco sanitario existente, que se realiza de xeito permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo de agora as medidas cautelares establecidas en Galicia, coa finalidade de continuar salvagardando e protexendo a cabana bovina da nosa comunidade.
Desta forma, con esta resolución seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, sempre e cando conten soamente con asistencia de animais de explotacións galegas. No entanto, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados.
Por outra banda, continuará sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural para a celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continuará sendo, no seu caso tamén con asistencia só de animais procedentes de explotacións galegas.
Vixilancia veterinaria
De igual xeito, mantense o período de vixilancia veterinaria oficial vixente, de 28 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Unha inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Ademais, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Cómpre lembrar que os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural continuarán realizando todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Mensaxe de tranquilidade cara o sector
En todo caso, mantense por parte da Xunta a mensaxe de tranquilidade cara ao sector e cara a cidadanía en xeral, pois non existe constancia de ningún caso desta doenza en Galicia e tampouco se transmite ás persoas.
A Dermatose Nodular Contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Porén, cómpre reiterar que a doenza non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261029/AnuncioG0426-271026-0002_gl.html