Cun percorrido renavado, son subidas, pero levadeiras, preséntase a XX Andaina de Outono que terá lugar o 8 de novembro e cuxo punto de partida será, de novo, o pavillón de Calabagueiros do Barco ás 9h. Así o dicía, durante a presentación desta proba deportiva, o presidente do Club Peña Trevinca Barco, Miguel de la Cal, acompañado por membros da entidade e polo alcalde barquense, Aurentino Alonso, na presentación desta nova edición da andaina, que se lembrará de xeito especial á figura de Dina Campazas, tesoureira do club recentemente falecida. Todos eles vestían a camiseta conmemorativa da andaina deste 2026.
A proba, promovida polo club e polo Concello do Barco, contará con dúas distancias unha de 25 km e outra de 15 km. “Sairemos dende Calabagueiros ás 9h., alí farase unha pequena presentación, logo continuaremos polo Malecón e cruzaremos pola pasarela verde, esperamos que ese día non veña moita auga polo regato Valado de Viloira. No caso da andaina longa, atravesaremos Viloira e subiremos cara a fonte que está preto de Alixo, logo xiramos á dereita, subiremos pola pista ata a curva redonda, un pouco máis arriba do km 10, logo teremos un pequeno tramo de estrada, logo xiramos á esquerda e polo monte iremos a Santa Mariña, baixada pola Escrita, Viloira e serán uns 25 km”, explica Miguel de la Cal.
No caso da andaina curta, a primeira parte do traxecto vai ser idéntica á da longa, pero ao chegar á zona de Santigoso, “xirarase á dereita por unha nave, e logo virase de novo para Vilariño e báixase para O Barco. O circuíto ata Alixo, non o fixemos nunca, está moi ben, a primeira parte ten subida, logo unha subida moi levadeira, logo é todo practicamente baixada”, comenta o presidente do Club Peña Trevinca Barco.

Tamén matiza que nos percorridos sae algún desnivel, “pero a andaina é bastante levadeira. Aconsellámoslle á xente que o tome tranquilamente”. Ademai lembra que esta é unha proba de regularidade, “teremos tres controis e buscamos unha media para que a xente vaia relaxada, todas as persoas que tarden menos de 4 horas, en teoría non participarán nos trofeos de regularidade, o obxectivo é buscar a regularidade, máximo tempo, 6 horas para facer o traxecto”.
Dende o club tamén se resalta a gran acollida que ten esta andaina, que arestora conta con 303 inscritos, dos cales 189 están federados. “E dese total de inscritos 172 son homes e 131 mulleres, cada vez se equiparan máis as cifras. Boa parte dos inscritos, ata un 41%, son da provincia da Coruña, o 29% da provincia de Ourense, o 21% de Pontevedra, un 5% de Lugo, un 4% de León e un 1% de Canabria”, concretaba o presidente. Na proba de 25 km están anotadas 222 persoas, “é dicir, que a dureza non asusta a ninguén”, matizaba de la Cal, mentres que na andaina de 15 km son 81.

Nesta edición o cartel está dedicado ao outono e no diploma que se entregue vaise facer unha pequena homenaxe “á nosa tesoureira, Dina. A camiseta amosa unha zona que se queimou hai un ano, O Teixadal e a parte de arriba é a montaña de Pena Negra, é unha lembraza á montaña e aos bosques que deron nome ao Club Peña Trevinca Barco”, adiantaba o presidente. A andaina concluirá, como en edicións anteriores, cun xantar dos participantes no que o menú, por petición deles mesmos, será o de anos anteriores: arroz con botelo.

Durante a presentación, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, reslataba que se trata dunha “actividade que pon en valor o territorio do concello”. E expresaba o seu dobre sentimento, nesta edición, alegría e “algo de tristura porque nos falta un membro importante do club, como é Dina, que se sempre se implicaba e estaba en calquera actividade relevante”.
Esta andaina formar parte da Liga Galega de Sendeirismo da Federación Galega de Montaña.
Fotos e vídeo: O SIL.
