
Os organizadores da Mostra do Aceite de Quiroga reuníronse esta mañá nunha primeira toma de contacto para estudar cales son as posibilidades de realizar actividades para celebrar esta festa que ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.
A comisión nun primeiro momento xa fixou a data para a súa celebración que será o 30 de maio. E tamén fixou os requisitos mínimos que terán que cumprir aqueles olivicultores que queiran presentar o seu aceite nesta XXI Mostra do Aceite, tal e como se informa dende a organización.
Entre o vindeiro luns e o venres 23 de abril (ámbolos dous incluídos) ábrese o prazo para os colleiteiros interesados en participar na Mostra, que terán que cumprir dúas condicións imprescindibles: contar con rexistro sanitario e ter unha colleita mínima de 200 l. de aceite.
Tendo en conta que o número de colleiteiros está limitado a 6, a selección dos participantes farase por orde de inscrición nas oficinas municipais por rexistro de entrada. Ademais, no momento da inscrición os interesados deberán presentar unha mostra de 1 litro en envase de cristal para as posibles catas a realizar.
A XXI Mostra do Aceite terá que celebrarse, “evidentemente, respectando todas as medidas sanitarias e coa cautela e reserva que permitan as normas antiCovid; polo que as actividades que se organicen estarán debidamente estudadas”, destacan dende a organización.