A uns 1.300 comensais reunía este ano no pavillón municipal de Calabagueiros, o xantar oficial da Festa do Botelo do Barco, de Interese Turístico Galego.
Os actos desta XXIV edición comezaban ás 12 horas no Teatro Lauro Olmo co acto do pregón, presentado por Davide González e Iria Pinheiro, dous actores e músicos galegos cunha ampla experiencia en diferentes ámbitos artísticos, que encheron o teatro de humor e complicidade, tanto cos protagonistas do acto como co público.

Nesta edición rendíase homenaxe á cociñeira Rosa Alonso Fernández, que leva 38 anos á fronte da Taberna O Buraco, situado na praza Maior e moi coñecido polas tapas que ofrece a súa clientela. O sumiller Luis Paadín era o encargado de dar o pregón, centrado como profesional do mundo do viño, na calidade dos da Denominación de Orixe Valdeorras. “A mellor godello é a de Valdeorras”, dixo, para logo engadir que o”godello é imbatible, non o hai mellor en ningún sitio”.
E xa a partir das 15 horas tiña lugar o xantar popular co habitual menú de Botelo, acompañado de chourizos, patacas e repolo. Segundo os datos do Concello, servíronse en total máis de 900 quilos de botelo, 200 de chourizos, 250 de patacas e 225 de verdura. Todo, regado con 900 botellas de viños mencía e godello de Valdeorras e, de sobremesa, 165 bicas.
O xantar contou coa animación musical dos grupos que, pola tarde, se encargarán dos cantos de taberna polos bares da zona vella da localidade (Os do Venres, Os Ministreles e Foliada de Bosende) dende as 19:30 ata as 22 horas aproximadamente.
A actuación de Magín Blanco, mañá ás 20 horas no Teatro Lauro Olmo, porá o punto e final a esta edición da Festa do Botelo. As entradas para este concerto, ao prezo de 5 euros, estarán á venda desde unha hora antes na billeteira do teatro.

Fotos: Mónica G. Hervella/ A.R.
Vídeo: Mónica G. Bellver.