A TeixeiraConcellosÚltima horaVídeos

A XXIV Festa do Viño Novo reúne a unhas 550 persoas na Teixeira

 

Arredor da mesa e dun contundente xantar se desenvolve a Festa do Viño Novo da Teixeira que no mediodía do sábado 22 de novembro celebraba a XXIV edición.

 

 

Trátase dun evento moi arraigado neste concello da Ribeira Sacra que nacía hai máis de dúas décadas cun programa que comezaba cunha misa e a actuación musical da charanga TDB de Trives rumbo á nave municipal onde se xuntaban como cada ano unhas 550 persoas para degustar un completo menú a base de entremeses, empanada, polbo a esgalla, carne ao caldeiro con pataca cocida, bica, viño das adegas da Teixeira que estén no C.R.D.O. Ribeira Sacra, café e licores, todo servido polo Catering Chantada. Como agasallo cada comensal leva unha taza de barro de Alfarería Agustín de Niñodaguia.

 

 

Trátase dun evento lúdico-gastronómico organizado con moito cariño e agarimo, coidando ata o máis pequeno detalle. Por iso a xente con mobilidade reducida entraba na nave ás 13:30 horas mentres que o resto facíao ás 14 horas. Ademais, o xantar é a prato nominativo. “Uns días antes publicamos nas redes sociais un plano coas diferentes mesas numeradas e o nome da xente para que o día do xantar saiban onde se teñen que sentar. Igual que nas vodas terán o seu nome no prato”, explican dende o Concello, que preside Xosé Vázquez, acompañado nesta ocasión por alcaldes da contorna, como o de Montederramo, Parada de Sil ou Castro Caldelas entre outros.

 

 

Outra das características desta celebración é que, na medida do posible, os produtos son 100% locais, aínda que asiste xente doutras zonas como unha peña de caza que non perde ningunha edición.

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button