EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A XXVII Feira Concurso-Exposición de Gando Vacún de Castro Caldelas resulta todo un éxito

Na mostra, na que había unha puxa con 4 novillas de Rubia Galega, participaban cabezas de ata 17 ganderías

 

Numerosas cabezas de gando bovino das razas Caldelá, Vianesa e Rubiá Galega enchían o Toural de Castro Caldelas nunha animada e concorrida XXVII Feira Concurso-Exposición de Gando Vacún de Castro Caldelas, que se iniciaba ás 11h. deste 10 de setembro. Multitude de persoas de todas as idades percorrían o recinto feiral no que podían verse exemplares de vacas reprodutoras, novillas e sementais de diversas ganderías tanto de Castro Caldelas como de zonas próximas. E entre o público movíanse tamén os Cabezudos e a figura do Irrio Peliqueiro.

Ás 13h. comezaba un dos momentos máis agardados, o da poxa. Saían a subasta un total de 6 novillas de Rubia Galega, a primeira das cales era adquirida por un prezo de 3.100 euros. A continuación dábase paso á entrega de premios nas diferentes seccións participantes do curso: as de sementais, vacas reprodutoras e novillas.

 

 

Antes, a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, agradecía o apoio e colaboración dos gandeiros para facer posible este evento, que se enmarca na celebración das festas da Virxe dos Remedios. “Castro Caldelas só pode ter agradecemento a todos os que facedes posible isto, en primeiro lugar aos gandeiros, que teñen unha situación moi difícil, a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) que están sufrindo, que ademais é pandemia tras pandemia, é moi difícil para eles porque teñen moitas perdas, moitos problemas para poder asistir e moitas dificultades. Sen eles nada disto sería posible”.

A rexedora pedía un aplauso para “todos os gandeiros que foron uns valentes coa situación que teñen, non permitir que a feira se cortara”, eles son, engadía “os desbrozadores gratuítos para que non haxa incendios, para que a poboación se fixe e para que sexa todo o campo rendible”.

 

 

Ademais lembraba que a comarca de Caldelas “é o primeiro produtor de carne de vacún” e que esta feira se recuperaba o pasado ano no Toural, coa posta en marcha do “centro de desinsección e desinfección, que está aí funcionando non só para a comarca de Caldelas, senón doutras comarcas”. Agradecía tamén a presenza de autoridades, “sempre é un pracer estar rodeada de compañeiros. O que temos claro os concellos da zona é que temos que loitar polo noso, e tamén dende a Xunta, dende a Deputación e o Inorde, e dende a Subdelegación do Goberno, todos os organismos que teñen que ver, darvos as grazas”. Sara Inés Vega expresaba tamén o seu agradecemento aos traballadores do Concello pola súa implicación nesta feira, ao Concello de Montederramo “porque nos permitiu estrear os valados que compraron eles” e a todos os asistentes “por facer que esta feira sexa posible, xa que estivo a piques de non celebrarse polas circunstancias que había”.

 

 

Os galardóns eran entregados por alcaldes ou representantes do Concellos de Castro Caldelas, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Montederramo, A Teixeira, Parada de Sil, Trives, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Monforte de Lemos; así como do subdelegado do Goberno en Ourense e do xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, de represantantes de Boaga e de Acruga.

 

 

Tamén se contaba coa asistencia do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. “O Concello de Castro Caldelas demostrou o seu compromiso co sector gandeiro, chave no futuro da comarca e estratéxico na economía da provincia. A organización desta feira foi exemplar e o sector ten futuro grazas a iniciativas coma esta”, resaltaba o subdelegado.

 

 

Ademais as 17 gandeiras participantes nesta edición recibían unha prima por asistencia ao recinto feiral de 20 euros por exemplar. Como complemento a esta feira-concurso-exposición tiña lugar un xantar popular no recinto do Toural de gando. Os produtos do menú eran todos de Castro Caldelas: a exquisita carne de vacún ao caldeiro ou churrasco, bica manteigada, viño, refrescos, café e chupito.

Esta feira-concurso tiña continuidade esta tarde a partir das 19h. co desfile pola vila de xugadas con carro e sen carro, onde tamén se entregarán premios.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button