Cunha alborada a cargo do grupo de gaitas O Recanto poñíase en marcha a partir das 11h. deste 10 de agosto a XXXV Mostra do Mel de Quiroga, enmarcada no programa das Festas de Verán desta localidade e que se fai coincidir coa feira mercado da vila. O recinto feiral instalábase, como de costume, na céntrica rúa Real de Quiroga.
Nesta edición o público podía catar e mercar mel de media ducia de apicultores de diferentes partes do municipio, comprobando en cada caseta porque este produto comparte en Quiroga un lugar destacado, xunto co viño e o aceite.
O mel quirogués goza dun gran prestixio pola súa gran calidade e variedade. As colmeas situadas nas zonas máis altas do municipio producen mel co predominio do castiñeiro, mentres que os situados nas zonas do val dan mel de breixo, planta moi abondosa e da que Quiroga recibe o seu nome (queiruga); nas zonas intermedias as abellas recollen o pole de castiñeiros e queirugas que xuntan con moitas outras flores dando un mel multifloral, grazas a gran variedade na flora deste territorio onde conflúen vexetación atlántica e mediterránea. Tres variedades con matices diferentes en canto a cor, textura e sabor pero coa mesma calidade.


Ademais do mel, os apicultores tamén traían a esta mostra produtos elaborados con esta materia prima como propóleos, licores, xabóns ou candeas e mesmo galletas. Non faltaban tampouco outros produtos típicos desta zona como os aceites ou as marmeladas.
Representantes do Concello de Quiroga, encabezados polo seu alcalde, José Luis Rivera, facían un percorrido polos expositores da mostra probando e comentando os diferentes meles desta edición.

Numerosas persoas visitaban os postos, tanto da mostra, como do mercado, nun ambiente moi animado e festivo. Así, na apertura da mostra actuaba O Recanto e, a partir das 13h., tiña lugar unha sesión vermú con Jorge Ferre na Praza Rúa Lago quiroguesa.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.

