Ambiente único nunha XXXVIII Milla Urbana do Barco marcada, novamente, por un elevado nivel, espectáculo atlético, gran participación de corredores e un multitudinario público. Dende meniños de meses ata veteranos que rozaban os 80 e, ademais, referentes do atletismo internacional. Nesta edición corredores de moi diferentes categorías competían no centro da vila ao longo de case dúas horas e media, nun circuíto ateigado dun público entregado.
Este evento, enmarcado nas Festas do Cristo, encetábase ás 18h. coas categorías Sub10 (cun percorrido de 268 m), nas que se impoñían Leo Espino (Adas) e Enara Gil; continuaba coas Sub12 (536 m), onde ganaban Manuel Blanco e Claudia Varela (Alencar Atletismo); coas Sub14 (1.072 m) nas que os primeiros eran Martina García (Adas) e Roi Gallego (Adas); e coas Sub16 (1.072 m.), onde vencía Joao Paulo Lima.

A partir de aí xa comezaba a distancia da milla propiamente dita (1.609 m), coas categorías máster, populares e veteranos de diferentes categorías. O programa da Milla continuaba coa tradicional homenaxe a atletas valdeorreses con destacados resultados en competicións nacionais na pasada tempada.
Deseguido, os máis pequenos convertíanse en protagonistas da Milla coas carreiras de nenos e nenas de 6 e 7 anos, dos 4 e 5 anos e, finalmente, dos meniños de 3 anos ou menos. Nesta última, o Periódico O SIL, como vén facendo dende os seus inicios, entregaba trofeos ao primeiro cativo en chegar á meta, Jorge, e á primeira nena, Mei.

O programa deportivo desta Milla Urbana completábase arredor das oito coas carreiras absolutas, onde as vitorias correspondíanlle á atleta olímpica francesa Alice Finot e a David De la Fuente.
A organización, en mans do Concello do Barco e da Federación Galega de Atletismo, coa colaboración do Club Adas, contaba coa participación de voluntarios, así como coa colaboración de varias agrupacións de Protección Civil, coa da Policía Local e coa de Ambulancias Sil.
Fotos e vídeos: O SIL.

