ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

A zona antiga do Barco vístese de festa nesta fin de semana

O programa da VI Festa do Casco Vello prolongarase ata o domingo 16 de xuño na praza Maior da vila e tamén na de San Mauro

 

A praza Maior do Barco acolle dende as oito da tarde deste venres a VI Festa do Casco Vello. A esa hora abrían as súas portas os postos dos bares promotores da iniciativa con diversas propostas enogastronómicas: Excalibur, O Buraco, Tapería Agarimo, Veira Sil e 13/14, mentres numerosas persoas ían enchendo a praza.

A partir das dez e media estaba previsto o primeiro dos concertos do cartel deste ano a cargo de Mad Martin Trío. A música continuará soando ata ben entrada a madrugada, pero xa será da man do Dj Dani Argü e de Amadeo Dj.

O programa seguirá o sábado 15 de xuño coa inauguración ás 11h. da III Feira de Artesanía e Produtos Locais Porto da Barca, promovida polo Concello do Barco, coa presenza de 20 expositores de produtos da zona, de artesanía e de asociacións benéficas. Despois, ás 11:30h. o público, especialmente os máis pequenos, poderán desfrutar dos xogos de “Guti Malabares” e ás 12h. dun obradoiro de malabares. Ademais, ás 17:30h. haberá un obradoiro de lámpadas de Serendipia Creative. A mostra pechará as súas portas ás 20h.

Xa ás oito reabrirán de novo as casetas dos bares na praza Maior, onde poderán saborearse novamente os petiscos acompañados de bebidas. E ás dez da noite a praza encherase da música do grupo Nuevo Plan. Posteriormente, ás 23:30h. subirase ao escenario da Festa do Casco Vello Miguel Costas, membro fundador de Siniestro Total. Despois do seu concerto está previsto un novo pase musical de Nuevo Plan, e á 1h. volverán actuar os Djs Dani Argü e Amadeo.

A Festa do Casco Vello chegará á súa derradeira xornada o domingo 16 de xuño. Os actos comezarán ás 20h. coa reapertura das casetas dos bares na praza Maior e, media hora despois, virá a atuación do grupo Smokey Blue, xa como broche da celebración.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button