EconomíaEconomíaÚltima hora

Aberto o prazo de inscrición no curso sobre Apps para xestionar trámites por Internet, no coworking do Bolo

É gratuíto, levarase a cabo do 9 ao 12 de decembro e a inscrición pode facerse a través do Concello

Aula coworking no Bolo./ Foto cedida.

 

O Concello do Bolo ofrece, en colaboración con Fundación Cibervoluntarios (ONG de ámbito internacional pioneira no voluntariado tecnolóxico centrada en facilitar a adquisición de competencias dixitais a persoas en situación de vulnerabilidade dixital), cursos presenciais gratuítos en competencias dixitais dirixidos a maiores de 60 anos, que terán lugar do 9 de decembro ao 12 de decembro no coworking do Bolo. Os interesados en participar poden inscribirse a través do Concello do Bolo chamando ao 988 323 030. Os participantes poderán apuntarse no taller “Apps para xestionar trámites por Internet”, no que aprenderán a utilizar ferramentas de organización, acceso a sedes electrónicas e trámites oficiais para facilitar as xestións do día a día. Ao finalizar, recibirán un certificado que acredita os coñecementos e competencias adquiridos.

Este curso forma parte do programa YoConecto de Fundación Cibervoluntarios, cuxo obxectivo é que todas as persoas poidan desenvolverse con confianza e seguridade no mundo dixital e aproveitar o uso das ferramentas tecnolóxicas para mellorar a súa vida e as súas oportunidades de emprego, educación, emprendemento e participación social.

Dentro deste programa, hai formacións en todo o territorio español sobre iniciación ao mundo dixital, Internet seguro, comunicación e videollamadas, trámites coa Administración electrónica e a banca dixital, impulsar negocios na internet, crear un CV dixital e procura de emprego en liña, márketing dixital e redes sociais, coñecer plataformas de lecer, saúde e aprendizaxe, entre outros. Estas actividades non só ensinan a usar a tecnoloxía, senón a comprendela e aproveitala como ferramenta de desenvolvemento persoal e profesional. Grazas ao apoio de concellos, centros educativos e entidades locais, este programa organízase en espazos accesibles, promovendo unha educación dixital próxima.

 

 

Aprender facendo

Todos os cursos teñen un compoñente práctico, onde os participantes “aprenden facendo”. Os contidos baséanse en situacións reais, priorizando o uso seguro e eficiente de ferramentas dixitais que respondan os desafíos actuais. Ademais, sempre se garante a adaptación ao perfil dos participantes, tanto no relativo aos contidos como ás dinámicas prácticas.

Os cursos estrutúranse por todo o territorio en función de dous perfís principais: cidadanía de 18 a 59 anos, que reciben formación orientada a fortalecer competencias dixitais para a vida diaria, o traballo e a participación social; e maiores de 60 anos, con contidos adaptados ao seu ritmo de aprendizaxe, con énfase en autonomía dixital, seguridade en liña e uso práctico de ferramentas para a vida cotiá.

Back to top button