
O vindeiro 27 de novembro terán lugar no Barco as probas presenciais para a obtención do nivel intermedio do Certificado Galego de Competencias Dixitais (COMDIX), nivel intermedio. A proba celebrarase ás 10 da mañá, na Aula Cemit situada no segundo andar do Edificio Multiusos do Concello. Para esta convocatoria contase con 12 prazas.
A convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia este luns, 13 de outubro, e os interesados poden inscribirse desde hoxe e ata o día 27 de outubro na web do CEMIT: https:\\cemit.xunta.gal. Dado que as prazas son limitadas, no caso de que haxa máis 12 interesados, o 28 de outubro realizarase un sorteo entre os interesados, publicándose na web entre un e dous días despois a listaxe provisional, e comunicando por correo electrónico os resultados aos participantes: admitidos provisionalmente, listaxe de reserva, etc.
A inscrición está aberta á cidadanía en xeral, sen ningún outro requisito previo que o de ter máis de 16 anos. Para aquelas persoas que precisen maiores coñecementos dos que teñen, a Xunta ofrece formación gratuíta en competencias dixitais a través da plataforma da Rede CEMIT, para facilitar a obtención do certificado.
O COMDIX é o Certificado Galego de Competencias Dixitais promovido pola Xunta de Galicia, que certifica o nivel dunha persoa no uso de tecnoloxías dixitais. Este certificado é útil para acreditar as habilidades dixitais ante empresas e institucións, e obtense a través da superación dunha proba que avalía os coñecementos definidos no Marco Galego de Competencias Dixitais. A proba consiste nun exame de entre 60 e 70 preguntas, das que hai que superar al menos o 70 por cento para lograr o certificado.
Entre outras cousas, o certificado permite demostrar a empregadores ou institucións e outras entidades a capacidade das persoas para manexar as tecnoloxías dixitais de maneira efectiva, facilitando así o acceso a oportunidades laborais, aos que non podería optar unha persoa que non poida demostrar que conta con coñecementos de tecnoloxías dixitais.