CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Aberto o prazo de inscrición para a obtención no Barco do Certificado Galego de Competencias Dixitais

 

O COMDIX é o Certificado Galego de Competencias Dixitais promovido pola Xunta de Galicia, que certifica o nivel dunha persoa no uso de tecnoloxías dixitais. Este certificado é útil para acreditar as habilidades fronte a empresas e institucións, e obtense a través da superación de probas que avalían o cumprimento das competencias definidas no Marco Galego de Competencias Dixitais.

Entre outras cousas, serve para demostrar a empregadores ou institucións e outras entidades a capacidade das persoas para manexar as tecnoloxías dixitais de maneira efectiva. Entre outras cuestións, facilita o acceso a oportunidades laborais aos que non tería acceso unha persoa que non poda demostrar que conta con coñecementos de tecnoloxías dixitais. Este certificado se obtén por medio dunha proba, que consiste nun examen de entre 60 e 70 preguntas coas que se avalían as competencias dixitais establecidas no Marco galego.

No caso do Barco, as probas, de carácter presencial para a obtención do Comdix no nivel de iniciación terán lugar o 30 de outubro, ás 12,00 horas na Aula Cemit situada no segundo andar do Edificio Multiusos do Concello do Barco.

Esta convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia o mércores, 10 de setembro, e os interesados poden inscribirse ata o día 24 de setembro na web do Cemit: https:\\cemit.xunta.gal. Dado que as prazas son limitadas, o 25 de setembro realizarase o sorteo, publicándose na web entre un e dous días despois a listaxe provisional e comunicando por correo electrónico os resultados aos participantes: admitidos provisional, listaxe de reserva, etc.

Unha vez publicada a listaxe provisional haberá un prazo de 10 días para renuncias e chamamento de reservas para cubrir as prazas das persoas que comuniquen a non asistencia; se non renuncian, son admitidos definitivamente sen posibilidade de renunciar despois sen ser penalizados (excepto xustificación documental). Como novidade nesta convocatoria, unha vez publicada a listaxe definitiva, as persoas que non obtiveron praza disporán dun prazo extraordinario de 2 días para solicitar
praza naqueles lugares nos que quedaran vacantes.

A proba terá unha duración máxima de 90 minutos, e para superala é necesario alcanzar un mínimo do 70% de acertos no total de preguntas, e a inscrición está aberta á cidadanía en xeral, sen ningún requisito previo. Para aquelas persoas que precisen formación complementaria, a Xunta ofrece formación gratuíta en competencias dixitais a través da plataforma da Rede CeMIT para facilitar a obtención do certificado.

Back to top button