OurenseÚltima hora

Aberto o prazo de matrícula para o curso 26/27 do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación

 

A Escola Provincial de Danza do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación ten aberto o prazo de matrícula para o curso 2026-2027. O inicio das clases de baile, pandeireta e canto, e de gaita para acompañamento de grupos de baile está previsto para o vindeiro luns, 5 de outubro.

As actividades están dirixidas a todas as persoas maiores de 5 anos e organizaranse en grupos segundo a idade e o nivel, impartíndose de luns a venres en horario de 17:30 a 21 horas. O prazo de matrícula permanecerá aberto durante todo o mes de outubro ata cubrir as prazas dispoñibles.

Pola súa banda, o Obradoiro de Tecido Tradicional contará cun proceso de preinscrición obrigatorio entre o 15 e o 30 de setembro. Unha vez confirmada a praza, os interesados poderán tramitar a súa matrícula definitiva.

Pago de prezos públicos e formalización

O pagamento realizarase tras a confirmación da praza mediante o modelo de autoliquidación habilitado pola Deputación na súa sede electrónica (sede.depourense.es). Posteriormente, os usuarios deberán presentar o impreso de matrícula xunto co xustificante de pago nas instalacións da Escola de Danza.

Para máis información, a cidadanía pode contactar no teléfono 988 317 880 ou a través do correo electrónico ccpescoladanza@depourense.gal.

Obradoiro de Xogos Populares para centros educativos

Así mesmo, o CCP Xaquín Lorenzo abre a inscrición do Obradoiro de Xogos Populares dirixido aos centros educativos públicos da provincia de Ourense. Esta iniciativa achega aos escolares actividades lúdico-educativas vinculadas coa cultura tradicional galega. Os centros xa están a recibir a ficha de inscrición e a programación para poder tramitar a súa solicitude a través do Rexistro da Deputación de Ourense.

Outras actividades programadas polo Centro para as vindeiras semanas

  • 19 de setembro: Olimpiadas populares en Cambeo (Coles) – Obradoiro de Xogos Populares.
  • 25 e 26 de setembro: Encontro de Educadores en Grou (Lobios) – Obradoiro de Xogos Populares.
  • 26 de setembro: Actuación do grupo Castro Floxo no Festival Internacional de Folclore de Sto. Estevao (Chaves).
  • 3 de outubro: Actuación do grupo Castro Floxo na Festa da Vendima de Monterrei.
  • 5 de outubro: Inicio oficial das clases e actividades do CCP Xaquín Lorenzo (Escola de Danza e Obradoiro de Teares).
Back to top button