CulturaCulturaÚltima hora

Aberto o prazo para participar no concurso de deseño de camisetas para a LXIII Festa do Pulpo do Carballiño

Camisetas do concurso en edicións anteriores.

 

O Concello do Carballiño abre o prazo para participar no tradicional concurso de deseño de camisetas con motivo da Festa do Pulpo, que este ano celebra a súa 63ª edición cunha temática dedicada ao país convidado: Italia.

Esta iniciativa ten como finalidade “fomentar a creatividade e a participación da veciñanza, especialmente da mocidade, nun dos eventos máis emblemáticos do municipio”, indican dende o Concello, explicando que os deseños presentados deberán estar inspirados na Festa do Pulpo e na cultura italiana, podendo incluír debuxos, imaxes, palabras, frases, números ou calquera outro elemento gráfico. As propostas poderán aplicarse sobre camisetas de calquera cor, tanto na parte dianteira como traseira.

 

 

O certame está dirixido a todos os colectivos que o desexen (asociacións xuvenís, culturais, veciñais, grupos informais, centros educativos ou pandillas de amigos) sen límite de idade, sempre que a persoa responsable do grupo sexa maior de idade. Cada agrupación poderá presentar un único deseño.

O concurso establece tres premios principais: un primeiro premio de 300 euros, un segundo premio de 200 euros e un terceiro de 100 euros. Ademais, todos os deseños que cumpran os requisitos recollidos nas bases recibirán unha compensación de 60 euros, sempre que non se esgote o crédito dispoñible. No caso de superarse o orzamento, terase en conta a orde de inscrición.

As persoas interesadas poden recoller a ficha de inscrición no Departamento de Cultura do Concello e presentar a súa proposta no rexistro municipal ata o día 6 de agosto de 2025, en horario de 9 a 14 horas.

Back to top button