
As familias con fillos en Educación Primaria, ESO e Educación Especial xa poden solicitar as axudas da Xunta para a compra de libros e material escolar, así como o préstamo de manuais a través do fondo solidario. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar esta convocatoria, que conta cun orzamento de máis de 17 millóns de euros e que vai dirixida ás unidades familiares con rendas iguais ou inferiores aos 10.000 euros por membro. O obxectivo é “facilitar a volta ao cole no vindeiro curso 26/27 nos fogares galegos a través dunha iniciativa que, sumada aos alumnos que contan con libro dixital, chega a sete de cada dez escolares das devanditas etapas educativas, apoiando máis a quen máis o necesita”.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario dispoñible na aplicación informática, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa. No caso dos fogares con rendas superiores aos 10.000 euros e ata os 30.000, poderán beneficiarse dunha dedución fiscal na declaración da renda. Cómpre lembrar que, para obter este beneficio, os pagamentos non poderán facerse en diñeiro en efectivo.
As axudas para material estrutúranse en dous vales, de 75 e 60 euros. Aos de 75 euros poden acceder as familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000 euros, mentres que o vale de 60€ comprende as rendas superiores a 6.000 euros e iguais ou inferiores a 10.000 euros.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % será beneficiario desta axuda polo importe máximo de 75 euros, con independencia da renda.
Axudas para adquirir libros
As axudas á compra de libros de texto son para o alumnado de 1º e 2º de Primaria e para todas aquelas situacións nas que, por diferentes motivos, os libros non son reutilizables. Os tramos de renda e os importes das axudas mantéñense, consolidando o incremento de cursos anteriores, de entre 20 e 30 euros en función da renda familiar.
A axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240 euros e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) é de 160 euros, en Primaria. No caso da ESO, os importes sitúanse en 270 euros no primeiro tramo en 180 no segundo. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta recibe o importe do primeiro tramo, con independencia da renda, é dicir, 240 euros en primaria e 270 na ESO.
As axudas son de 300 euros para todo o alumnado matriculado en Educación Especial –en centros específicos ou en unidades dentro de centros ordinarios–, así como para os de Primaria ou da ESO que, tendo necesidades específicas de apoio educativo e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, non poidan utilizar os libros de texto do fondo. Percibirán este importe con independencia da renda per cápita da unidade familiar.
Fondo de préstamos de libros
No caso dos cursos nos que os manuais se poden reutilizar, isto é, entre 3º de primaria e 4º da ESO, as familias poderán acceder ao fondo de libros, dotado con máis de 510.000 manuais para prestar o alumnado. Por segundo curso consecutivo poden beneficiarse deste préstamo tamén os participantes no programa E-Dixgal.
Con carácter xeral, os escolares poderán ter ata a seis libros do fondo, en función do nivel de renda. Tanto para acceder ao fondo como para recibir as axudas de libros e material é imprescindible devolver os libros do curso anterior. Ademais, nos casos en que o centro deba adquirir algún libro adicional por non seren suficientes os existentes no fondo, o Goberno galego aboa por cada un 40 euros en Primaria e 45 na ESO.