CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Abraham Cupeiro, referente do VII Terrasón, co espectáculo “Os sons olvidados” o 28 de agosto en Xagoaza (O Barco)

Este ciclo, que inclúe outras 5 actuacións, está promovido polo Concello do Barco coa colaboración de Turismo de Galicia dentro dos "Concertos do Xacobeo"

Foto: Diego Segade.

 

En agosto arrancará unha nova edición do Ciclo Terrasón, por sétimo ano consecutivo, no Barco. A iniciativa, que naceu no 2020 como resposta ao baleiro cultural que deixou a pandemia, desenvolverase a través dun total de seis actuacións, repartidas en diferentes lugares da vila, que buscan poñer en valor o Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras.

O concerto de Abraham Cupeiro, co espectáculo “Os sons olvidados”, será o prato forte do programa que pechará a edición deste ano, o venres 28 de agosto, ás 21:30 horas, no adro da Igrexa de San Miguel de Xagoaza. Así o vén de anunciar o Concello do Barco, que promove este ciclo en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.

Coñecido pola súa paixón de recuperar instrumentos antigos e darlles unha nova vida, o músico galego actuará xunto coa acordeonista Sabela Caamaño, creando unha experiencia sonora única que conecta pasado e presente.

Ademais da actuación de Cupeiro, outras cinco citas repartiranse ao longo do mes, do seguinte xeito:

  • Las Nietas del Charlie. Domingo 2 de agosto, 20:00 horas, Paseo do Malecón, zona Correos.
  • Los Brazos. Venres 7 de agosto, 22:30 horas, rúa Abdón Blanco.
  • Mad Martin Trío. Venres 14 de agosto, 22:30 horas, Paseo do Malecón, cruce José Otero.
  • Fine. Sábado 22 de agosto, 22:30 horas, Praza Andrés de Prada.
  • Tony Perry & The Bombers. Domingo 23 de agosto, 20:00 horas, Praza Maior.

Cita consolidada

A elección dos artistas que participan no VII Ciclo Terrasón, “obedece ao obxectivo de poñer en valor o talento local e aos artistas emerxentes, galegos e de fóra da comunidade, creando un espazo aberto ao descubrimento de novas músicas”, segundo o Concello do Barco

As entradas do concerto de Abraham Cupeiro xa están á venda ao prezo de 10 € desde hoxe xoves 23 de xullo, na tenda de música Ton y Son e en Ataquilla.com.

O VII Ciclo Terrasón está promovido polo Concello do Barco (a través da súa Concellería de Cultura), e conta un ano máis coa colaboración da Xunta de Galicia a través da iniciativa “Concertos do Xacobeo” da Axencia de Turismo de Galicia.

 

Back to top button