EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Abre as portas Escondite Inglés (rock bar), un novo local de hostalaría na Rúa

 

Tras 15 anos detrás da barra, poñendo copas, cañas, música,… compartindo risas e ata bágoas, en febreiro de 2022 Santi e Vero pechaban as portas do Dipöp e con el un ciclo. Dende ese momento poñíanse a traballar noutro interesante e ambicioso proxecto que xa é unha realidade.

Na noite do martes 26 de marzo, en plena Semana Santa, abría as portas Escondite Inglés (rock bar), un novo establecemento hostaleiro que substitúe ao antigo local de copas, reconvertido nun espazo no que tomar unha caña, escoitar música e tamén comer.

 

Santi e Vero.

 

Decorado cun estilo urbanita, con claras referencias a grandes músicos de todos os tempos e estilos (dende Michael Jackson a Los Suaves, AC/DC, David Bowie…) Escondite Inglés está feito de principio a fin polos seus propietarios, Santiago Pimentel e Verónica Martínez, quen explica que se trata dun local no que se pode facer un pouco de todo. “Tomar unhas cañas, ir de tapeo, algo máis elaborado, comida á grella,… para todos os públicos e tamén as primeiras copas da noite”. Tamén terán actuacións en directo durante a cea, pola tarde… O horario é de bar, de 11 a 2:30 horas pola semana e de 11 a 3:30 horas na fin de semana.

 

 

Con respecto á decoración, Verónica asegura que son detalles, fotos, elementos que foron vendo ao longo da súa traxectoria profesional en diferentes lugares, “experiencias vividas”, recoñece, explicando que o nome é un guiño ao cine que acollía a sala antes da primeira transformación. “É un xogo de palabras porque está un pouco afastado da rúa a pesar dos ventanais e en referencia á música inglesa (pop-rock)”, di Verónica, destacando que contan coa cervexa 1906 de adega, “algo que normalmente só sirven nas cidades polo que esperamos que sirva de reclamo para a toda a comarca”, conclúe.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button