CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosMúsicaÚltima horaVídeos

Abre as súas portas o Museo da Música de Raíz na aldea da Seara (Quiroga)

Este espazo, que alberga máis de 1.200 instrumentos, contaba cunha axuda da Xunta para a súa materialización

 

A contorna natural do Courel e máis concretamente, o municipio Quiroga, veñen de sumar un novo atractivo turístico á súa oferta da man do Centro de interpretación e sede da colección museográfica de instrumentos de raíz da Fundación Legar, situado na aldea de Seara. Este espazo inaugurábase no mediodía deste 24 de novembro nun acto que contaba coa asistencia do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, entre outras autoridades como os alcaldes de Quiroga, Folgoso do Courel, de Triacastela e o tenente de alcalde de Ribas de Sil.

Os creadores do proxecto, Xavier Blanco e a súa dona, Martina Ferradás, prefiren non chamarlle aínda museo ata que estea completado, pois polo de agora non van mostrar os máis de 1.200 instrumentos musicais tradicionais recollidos por toda Galicia. O centro está instalado nunha vivenda tradicional que foi rehabilitada na Seara.

 

 

“Este é un espazo que non só está cheo de instrumentos, senón tamén de historias, de soños e dunha memoria, a de todos os galegos”, dicía Ferradás no acto inaugural. “Todo isto ten unha historia, iamos un día paseando pola Seara e falando dos nosos proxectos, Xabier e mais eu, soñando un pouco, cando despois de moita conversa, chegamos a conclusión de que este lugar, con toda a súa maxia, era o sitio perfecto. Aquí tiña que quedar o legado que Xabier Blanco leva recollendo durante máis de 40 anos, debía gardarse a memoria viva da nosa música, da nosa identidade e das nosas raíces galegas”.

 

 

 

Así nacía este proxecto, no rural e na alta montaña. “Todo é posible e hoxe estamos aquí, pero non foi doado”, lembraba Ferradás. O primeiro que fixeron foi presentarlle a iniciativa de Legar aos alcaldes do concellos do Xeoparque Mundial Montañas do Courel e logo a outras administracións e entidades. Tamén contaba os apoios que fixeron posible levar adiante este centro. Ademais non faltaban os agradecementos, entre eles un moi emotivo, que lle facía a Xabier Blanco. E concluía dicindo que este proxecto vai “máis aló do profesional, é unha historia de vida, é un proxecto construído con amor, coa complicidade e co respecto que temos un polo outro. E iso fai que Legar non sexa só unha fundación, senón unha mostra de que os soños son compartidos e que, cando se traballa con ilusión, poden facerse realidade”.

 

 

A intención dos responsables deste centro é o que espazo siga vivo, “que as persoas veñan, escoiten, aprendan e compartan a nosa cultura, que esta colección non sexa só un museo, senón un lugar onde a música de raíz galega siga a soar hoxe e sempre”.

 

 

 

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia tiña palabras de agradecemento para todos os que participaron na materialización desta idea e, en especial, para a Fundación Legar que co seu traballo, leva recollida ao longo de máis de 40 anos todo tipo de documentación relacionada coa cultura tradicional. Ademais, posúe unha colección de máis de 1.200 instrumentos tradicionais galegos, todos eles clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais que agora se mostran neste espazo.

 

 

Para Merelles este centro “suma un atractivo turístico máis a un contorno natural de beleza incalculable como é o Courel e a un concello, como Quiroga, cun patrimonio arquitectónico propio da paisaxe de montaña”, factores que contribúen á revalorización do turismo de Galicia. Ademais, resaltaba o feito de que a aldea da Seara e o concello de Quiroga son paraxes cun importante atractivo turístico e cun gran impacto no turismo interior e de natureza, o que vén a respaldar “a política de desestacionalización que vimos fomentando desde a Xunta de Galicia”.

Neste sentido, lembrou os últimos datos de ocupación hoteleira do INE que sitúan o crecemento rexistrado en Galicia tanto en viaxeiros aloxados como en noites pasadas por riba da media nacional. “Máis de medio millón de turistas e máis de 900.000 noites o pasado mes, onde o turismo internacional medrou ao ritmo do 13%”, destacou ao tempo que engadiu que “son datos que nos alentan a seguir apostando por esta política para así xerar riqueza derivada da actividade turística durante todo o ano”.

 

 

Despois da súa inauguración este domingo, o centro da Fundación Legar abrirá de forma regular todas as fins de semana, desde os venres pola tarde ata os domingos. Durante os días laborables acolleranse tamén visitas organizadas.

 

 

Este centro é a primeira parte dun proxecto que tamén comprende a realización de obradoiros e unha última parte que será a creación dun arquivo musical, xa que contan tamén con máis de 35.000 gravacións e numerosas partituras.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button