O Ourense Film Festival (OUFF) presenta a segunda edición de OUFF Game Awards, a sección do festival adicada á industria dos videoxogos. OUFF Game Awards naceu na pasada edición do festival de cine para visibilizar a creación e consumo de videoxogos, recoñecendo esta arte dixital como ferramenta audiovisual.
David Babarro, coordinador do certame, destaca que é unha proposta que busca “integrar aos videoxogos na escena audiovisual máis convencional, xa que a narrativa dun videoxogo non é inferior á de calquera película”. Co obxectivo de “axudar a estudios, empresas e particulares no seu crecemento profesional e premiar a creadores de Galicia que apostan por emprender nun sector moi competitivo” créanse catro categorías de competición: Mellor Videoxogo Galego -con 800€ – , Mellor Narrativa -cun premio de 400€-, Mellor Arte – premio de 400€- e Proposta máis inovadora – premiado con 400€-.
Pode participar calquera persoa física ou xurídica que esté en posesión legal da obra que presente. O título debe contar con, polo menos, un integrante no equipo de creación ou desenvolvemento galego ou galega, ten que ser xogable e estar xa publicado. Ademáis, a data de lanzamento non pode superar os cinco anos e debe contar con elementos narrativos como diálogos, cinemáticas ou conxuntos de animación. Pódense consultar as bases completas na páxina web do festival.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.