SanidadeÚltima horaVídeos

Ábrense as inscricións da VII Andaina Solidaria da Fundación Andrea, que apoia a nenos con doenzas de longa duración, crónicas ou terminais

A andaina terá lugar o sábado 23 de maio en Taboadela, cun percorrido circular de 10 quilómetros con saída ás 10.30 horas desde o local social da Rabeda

 

Os servizos de Pediatría e Humanización e Atención ao Paciente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras colaboran un ano máis na Andaina Solidaria da Fundación Andrea, que ven de abrir o prazo de inscricións para a sétima edición desta iniciativa, que ten por obxectivo recadar fondos para os programas de apoio aos nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, así como ás súas familias.

A andaina celebrarase o sábado 23 de maio, con saída ás 10.30 horas desde o local social da Rabeda, en Taboadela, punto no que tamén rematará o percorrido circular de 10 quilómetros. O obxectivo da xornada é a solidariedade, pero tamén serve de punto de encontro entre as familias e os profesionais, nun marco de exercicio ao ar libre apto para todas as idades e aberto á participación de todas as persoas que desexen colaborar coa atención á infancia e á humanización sanitaria.

O importe da inscrición é de 10 euros e destinarase integramente á Fundación Andrea. Esta achega íntegra é posible grazas á participación das institucións e empresas colaboradoras, que asumen e facilitan os gastos de organización, seguros, avituallamento e o xantar ao remate da andaina, de xeito que a totalidade dos fondos recadados poida dirixirse aos programas que desenvolve a Fundación.

 

 

Inscricións ata o 21 de maio e dorsal 0

As persoas interesadas en participar deberán realizar un ingreso de 10 euros na conta de La Caixa habilitada pola Fundación Andrea: ES64 2100 4876 032200044308. No ingreso é imprescindible indicar nome e apelidos, DNI e, poñer como concepto “ASOU” (Área Sanitaria de Ourense).

Ademais, aquelas persoas que queiran colaborar, pero non poidan asistir a andaina, poderán facelo a través do “dorsal 0”, realizando unha achega, coa cantidade que desexen, a mesma conta e indicando ese concepto no ingreso. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o xoves 21 de maio. Esta inclúe avituallamento durante o percorrido e xantar ao remate da andaina.

Ademais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, nesta edición colaboran o Concello de Taboadela,  Apetéceme, Vía Auria, Panadería Panrey, Sousas, Nosa Carne e Gadis, entidades que fan posible o desenvolvemento da actividade e contribúen a que a recadación das inscricións poida destinarse integramente á Fundación Andrea.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Servizo de Humanización e Atención ao Paciente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras no teléfono 988 388 515.

 

 

 Apoio ás familias e humanización pediátrica

A Fundación Andrea é unha entidade sen ánimo de lucro, que traballa para ofrecer apoio ás familias con nenos e nenas que padecen enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A súa actividade inclúe axudas económicas directas, para cubrir necesidades derivadas da enfermidade, apoio ás familias desprazadas por ingresos hospitalarios, recursos de acompañamento e iniciativas orientadas a mellorar o benestar emocional dos menores durante os procesos asistenciais.

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, a colaboración coa Fundación Andrea permitiu impulsar proxectos de humanización nas áreas e zonas comúns de Pediatría do Hospital Universitario e do Hospital Público de Verín, co obxectivo de facer máis acolledores os espazos nos que son atendidos os nenos e nenas, ademais de contribuír a reducir a ansiedade asociada aos procesos de hospitalización ou atención sanitaria.

Back to top button