SanidadeÚltima hora

ACANPAN anuncia os ganadores das X Bolsas C. Delgado/ M. Pérez-Mateo, ás que contribuíu Valdeorras

A Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín achegaba 20.000 euros a estas bolsas

Membros da organización da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín, na pasada edición da proba./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Asociación Cancro de Páncreas (ACANPAN) conmemora o décimo aniversario do falecemento de Carmen Delgado, fundadora da entidade, cunha mensaxe clara: o seu legado segue vivo e crecendo.

Coincidindo con esta data tan significativa, ACANPAN, en colaboración coa Asociación Española de Pancreatología (AESPANC) e a Asociación Española de Gastroenterología (AEG), anunciou os proxectos gañadores da 10ª edición das Bolsas Carmen Delgado / Miguel Pérez-Mateo, unha iniciativa que impulsa cada ano a investigación clínica e básica en cancro de páncreas.

Proxectos gañadores 2025:

  • Investigación Básica:
    Dr. José Yélamos López, inmunólogo do Institut Hospital do Mar d’Investigacions Mèdiques (IMIM), Barcelona.
    Proxecto: “Aproveitando as funcións inmunomoduladoras de PARP-2 para combater o cancro de páncreas”.

. Investigación Clínica:
Dra. Leticia Moreira Ruiz, gastroenteróloga da Fundació de Recerca Clínic Barcelona – IDIBAPS / Hospital Clínic de Barcelona.
Proxecto: “PREVENPANC. Estudo Multicéntrico Español para a Prevención do Cancro de Páncreas”.

Ambas bolsas están dotadas con 100.000 euros cada unha, e xa suman máis de 1,2 millóns de euros investidos en investigación desde a súa creación. Trátase dunha das convocatorias privadas máis importantes dedicadas a esta enfermidade en España.

 

 

 

Un legado que non se detén

Carmen Delgado, xunto a Olga Lamarca, fundou ACANPAN en 2014 coa convicción de que o cancro de páncreas non debía ser unha sentenza, senón unha causa pola que loitar con investigación, prevención e apoio. A unha década da súa partida, a súa visión segue impulsando o traballo da asociación e de todas as persoas que cada ano suman o seu esforzo para transformar a realidade desta enfermidade. “Carmen estaría moi orgullosa de ver o lonxe que chegou a súa semente. Hoxe, máis que nunca, sentimos que o seu legado tradúcese en esperanza e en ciencia que salva vidas”, declarou Lara Aceiro, presidenta de ACANPAN.

Unha aposta colectiva pola investigación

O financiamento destas bolsas é posible grazas á implicación cidadá en iniciativas solidarias como a Carrera das Cidades contra o Cancro de Páncreas, ás doazóns particulares e ao compromiso de entidades colaboradoras. Este ano, recibíronse un total de 33 candidaturas (20 de investigación básica e 13 de investigación clínica), o que demostra o crecente interese e compromiso da comunidade científica coa abordaxe desta enfermidade.

O cancro de páncreas é o único tumor cuxa mortalidade aumentou nos últimos anos en ambos os sexos. En 2025 estímase que máis de 10.300 persoas serán diagnosticadas en España. Só un 8% dos pacientes sobreviven máis de cinco anos tras o diagnóstico, o que fai urxente seguir apostando pola investigación.

A achega de Valdeorras a esta última convocatoria das bolsas, foi de 20.000€, o que representa un 10% do importe total da convocatoria. En total, nos 7 anos que leva celebrándose a Carreira das Cidades en Vilamartín de Valdeorras, a contía total destinada pola devandita delegación ás bolsas ascende a máis de 100.000€.

Back to top button