OurenseÚltima hora

Actívase a alerta laranxa por chuvias para mañá en 19 concellos da montaña ourensá

Son os de O Bolo, Carballeda de Valdeorras, O Castro de Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, O Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo

 

A Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por chuvias na montaña e sur de Lugo e na montaña de Ourense. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase mañá por precipitacións acumuladas nunha hora de 30 milímetros.

Debido á alerta laranxa por choiva, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as actividades escolares no exterior este mércores, día 17 de xuño, entre as 13,00 horas e as 00,00 horas, en tres zonas: Montaña de Lugo, con 14 concellos afectados (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela), Sur de Lugo, con 11 concellos afectados (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada) e Montaña de Ourense, con 19 concellos afectados (O Bolo, Carballeda de Valdeorras, O Castro de Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, O Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo).

A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, tamén acordou a suspensión mañá da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados, nas zonas afectadas pola alerta laranxa. Os municipios afectados e os horarios de vixencia da alerta poden consultarse na web Deporte Galego.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Back to top button