
O Barco acollerá unha serie de actividades gratuítas para a divulgación da eclipse de sol que terá lugar o vindeiro 12 de agosto. Baixo o título “Óllo á eclipse”, as propostas desenvolveranse en dous días:
O 30 de xullo, ás 18:00 horas, levarase a cabo un obradoiro de elaboración de caixas negras para a visualización da eclipse, impartido polo recoñecido crítico, programador e produtor de cinema galego, Martin Pawley, da Agrupación Astronómica ÍO, que ademais se distingue como un activo divulgador científico no ámbito da astronomía. A actividade está dirixida tanto a público infantil como adulto, e desenvolverase na praia fluvial do Malecón.
Chegadas ás 20:00 horas, será a quenda do director do centro AstroTrevinca da Veiga, Óscar Blanco, que levará a cabo a charla “Cómo desfrutar da eclipse con seguridade”, na que os participantes descubrirán algunhas particularidades da eclipse e pautas para observala con seguridade. A actividade terá lugar tamén na praia fluvial do Malecón.
Por último, ás 22:30 horas, terá lugar unha nova intervención de Martin Pawley baixo o nome de “Eclipses no cine”, onde fará un repaso destes acontecementos únicos no mundo da sétima arte. Esta iniciativa terá lugar na Praza Maior.
O propio día 12 de agosto, data da eclipse total de sol, terá lugar ás 12:30 horas a conferencia “O Barco e a súa importancia na eclipse de 1912”, impartida polo destacado físico e investigador Salvador Bará, da Universidade de Santiago de Compostela. A actividade levarase a cabo no Paseo do Malecón (zona Correos).
Co doutor Salvador Bará realizarase a visualización da eclipse dende o Mirador de Alixo, chegadas ás 19:00 e ata ás 22:00 horas. No transcurso da visualización, os participantes disporán de comida e bebida das Foodtrucks desprazadas ata a zona, e da actuación do DJ Repunante.

