SanidadeÚltima hora

Acto de benvida aos novos residentes que inician a súa formación especializada na área sanitaria ourensá

A especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias estréase este ano por primeira vez no Hospital Universitario de Ourense tras a súa recente creación a nivel

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras recibía esta mañá aos novos residentes que iniciarán a súa formación postgrao nas trinta e unha especialidades de medicina, farmacia, psicoloxía e de enfermería acreditadas no Hospital Universitario de Ourense e nos centros de saúde docentes da provincia.

No acto de benvida participaron o xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas; o presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata; e o xefe de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Luis Antonio González. Xunto a eles, estiveron presentes os equipos de docencia, dirección e os titores das diferentes especialidades.

Na actual convocatoria a Área Sanitaria cubríu as 69 prazas ofertadas para este curso. Se ben, ao non comparecer, un dos dous residentes de Medicina Interna e cinco dos vinteún de Medicina Familiar e Comunitaria, as seis prazas ofertaránse de novo no procedemento extraordinario de adxudicación, posto en marcha este ano polo Ministerio de Sanidade. O listado de vacantes e as instrucións para participar publicaranse o vindeiro 15 de xuño, e a adxudicación realizarase durante a segunda quincena por vía telemática, seguindo a orde de puntuación obtida no exame.

 

 

Nova promoción de residentes

A nova promoción que inicia agora a súa formación especializada está integrada por residentes de Medicina Familiar e Comunitaria, Enfermería Familiar e Comunitaria, Pediatría, Enfermería de Pediátrica, Obstetricia e Xinecoloxía, Enfermería Obstétrica, Psiquiatría, Psicoloxía Clínica, Enfermería de Saúde Mental.  Xunto coas especialidades da Área Médica: Aparello Dixestivo, Medicina Interna, Nefroloxía, Pneumoloxía e Oncoloxía Mécica. Da Área Cirúrxica: Anxioloxía e Cirurxía Vascular; Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo; Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Dermatoloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolaringoloxía e Uroloxía. Ademais das de Servizos Centrais: Análises Clínicos, Anestesia e Reanimación, Farmacia Hospitalaria, Microbioloxía e Parasitoloxía, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina de  Urxencias e Emerxencias, Medicina Intensiva, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Medicina do Traballo, e Radioloxía e Radiodiagnóstico.

Entre as novidades deste ano elas destaca a incorporación por vez primeira dun residente da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, que ven de ser creada e que inicia este ano a súa andaina formativa en hospitais de toda España, seis en Galicia.

 

 

Primeiro contacto coa actividade asistencial

Despois da benvida, durante esta primeira xornada os novos residentes completaron os trámites precisos para súa incorporación efectiva á actividade asistencial. Ademais de recibir a documentación de acollida, recolleron os seus uniformes, activaron as tarxetas identificativas e iniciaron, acompañados polos seus titores, os percorridos polos servizos e unidades nos que desenvolverán a súa formación.

Os residentes de familiar e comunitaria  tiveron tamén, posteriormente á benvida, o acto de elección de centro docente e titor. En concreto este ano elexíronse os centros de saúde de A Ponte, A Cuña, A Carballeira, Valle Inclán, Novoa Santos, O Couto, O Carballiño, Xunqueira de Ambía, Toén e Nogueira de Ramuín.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras mantén unha longa tradición na formación sanitaria especializada e conta coa acreditación de numerosas unidades docentes hospitalarias e de Atención Primaria, nun modelo que combina a actividade asistencial no Hospital Universitario de Ourense coa ampla rede docente de Atención Primaria, onde teñen a oportunidade de formarse tanto en contornas urbanas como rurais, coñecendo de primeira man realidades asistenciais moi diversas.

 

 

Back to top button