
Este mes de agosto será lembrado como un dos máis duros para a provincia de Ourense en xeral e a parte máis oriental en particular, con numerosos incencios que levan arrasadas miles de hectáreas. Dous deles afectaban aos municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso cuxa veciñanza pelexou como pudo contra as chamas.
En recoñecemento a esa xente que lle plantou cara ao lume cos medios dos que dispoñía, demostrando que a unión fai a forza, celebrarase un acto o vindeiro domingo 31 de agosto. Será unha especie de romaría na explanada do Alto do Fradelo, xunto á capela de San Ciríaco, o límite xeográfico entre os municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cunha misa ao aire libre ás 12:30 horas na que serán bendicidos os tractores cos que axudaron a extinguir o incendio. Despois, ambos pobos coa colaboración dos Concellos e da parroquia de Viana ofrecerán un xantar a base de porco ao espeto (tamén haberá pulpeiras), para facer un xantar fraternal.
En plena onda de incendios xurdía a idea de organizar esta romaría para crear unidade e tamén recoñecer o labor desinteresado levado a cabo polos voluntarios.