
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recoñecía na tarde do sábado 21 de febreiro a traxectoria dos 175 profesionais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que se xubilaron no ano 2025 e que dedicaron toda a súa vida laboral á mellora continua do sistema sanitario e a coidar das persoas, cun compromiso exemplar.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, interveu no acto de homenaxe aos empregados da sanidade pública galega desta área, que tivo lugar esta mañá no Teatro Principal de Ourense.
O conselleiro incidiu en que o agradecemento que lle trasladou no nome do Goberno galego non é algo protocolario, senón é fondo, xusto e necesario, porque reivindica traxectorias profesionais que representan o mellor de cada un deles. O recoñecemento faise ademais a profesionais dunha provincia que coñecen ben o significado dos grandes retos da sanidade galega, como o envellecemento e a dispersión xeográfica.
Gómez Caamaño dixo tamén que o sistema sanitario público galego é un dos grandes orgullos da comunidade e o seu verdadeiro patrimonio son todas as persoas que, como os homenaxeados, durante anos dedican a súa vida a coidar da saúde da cidadanía galega.
