OurenseÚltima hora

Acto inaugural da VIII Xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil na provincia, en Ribadavia

 

Esta mañá tiña lugar na Casa da Cultura de Ribadavia a apertura  VIII Xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Ourense, coa asistencia, entre outras autoridades, do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, dos alcaldes de Ribadavia e de Cortegada, César Fernández e Avelino Luis de Francisco, respectivamente; o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva; o delegado en Ourense, Manuel Pardo; e o presidente da asociación de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.

Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia destacaba a fortaleza colectiva dos membros destes servizos de emerxencias municipais. O acto, no que tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xuntou medio milleiro de voluntarios procedentes de distintos puntos de Galicia e de España.

Na súa intervención, Diego Calvo incidiu no agradecemento ao esforzo, xenerosidade e compromiso das persoas que forman parte destas agrupacións e que comparten o obxectivo de velar pola seguridade e o benestar da cidadanía. Neste sentido, lembrou que en 2023 estes colectivos realizaron máis de 50.000 operativos en toda Galicia, boa parte deles en fins de semana ou datas sinaladas, demostrando a súa dedicación cando máis se precisa e xerando tranquilidade na poboación.

Para o conselleiro, a actuación altruísta deste persoal voluntario en festas e eventos multitudinarios, renunciando a desfrutar deles, ou en emerxencias como temporais, inundacións ou incendios, arriscando a súa seguridade, poñen de manifesto o seu sentido do deber e a súa xenerosidade. A maiores, apuntou que a masiva asistencia á xornada de hoxe proba tamén o compañeirismo que caracteriza este colectivo e permite comprobar “canta xente hai disposta a dar o mellor de si polos demais”.

 

 

Diego Calvo reafirmou o apoio da Xunta ás AVPC para facilitarlles o desenvolvemento do seu traballo coa máxima eficacia e seguridade. Así, contan con diferentes liñas de axuda que supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos. Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.

A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.

O presidente provincial, Luis Menor, tamén interviña no acto inaugural da VIII Xornada de Convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, que reuniu en Ribadavia ao redor de 500 persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia.

Ademais de lembrar a época laboral na que estivo ao fronte das Emerxencias en Galicia, o presidente provincial quixo recalcar que esta xornada é “a mellor que hai en España”: tanto pola cantidade de xente que xunta e que está relacionada coas emerxencias, como pola calidade das actividades, da coordinación e dos lazos de convivencia que se fan entre os participantes.

Neste sentido, o presidente da Deputación dixo sentirse “orgullo” de que isto ocorra en Ourense e faga que esta provincia estea “extraordinariamente segura”. Este acto de apertura demostra o “poder que ten a organización para congregarnos a todos nós aquí” dando boa conta que esta Xornada está “arraigada na nosa sociedade”, dixo Luis Menor, quen comprometeu a súa “implicación persoal” para facer que esta xornada “non só se manteña, senón que se supere cada ano”.

Así mesmo, apuntaba que esta xornada tamén permite que desde as administracións como desde a sociedade civil “se recoñeza o voso traballo e esforzo, que realizades a cambio do orgullo de axudar aos demais”. Un traballo, que como lembrou Luis Menor, é fundamental para poder acometer moitos dos operativos de emerxencias que acontecen no territorio.

Por elo, desde as administracións “debemos estar á altura dese traballo, como así o fai a Xunta, xa que a Comunidade de Galicia é a que máis colabora coas Agrupacións de Protección Civil”. E, ao fío dese compromiso das administracións, Luis Menor lembrou que o apoio da Deputación é unha realidade que se reforzou coa “posta en marcha, por primeira vez, dunha nova liña de axudas para colaborar cos gastos de funcionamento”.

 

 

 

Back to top button