Con motivo da celebración do Día da Investigación en Cancro, a Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Ourense e a Área Sanitaria ourensá organizaron esta mañá unha serie de actividades no Complexo Hospitalario Universitario Ourensán (CHUO) para achegar á poboación a importancia de fomentar a innovación como unha das claves para achegar a investigación aos pacientes.
Durante a mañá os usuarios e traballadores do Hospital Universitario de Ourense puideron achegarse á mesa informativa de investigación situada no vestíbulo principal na que comprobaron a relevancia do impacto nas vidas dos pacientes da investigación oncolóxica e a innovación. Tamén os nenos e nenas ingresados na planta de pediatria tiveron un divertido obradoiro de ciencia en colaboración con Aventeira na Ciber@ula da unidade.
Por último varios socios e voluntarios da AECC en Ourense gozaron dunha visita guiada polo laboratorio de investigación da Área Sanitaria, que dirixe o doutor Joaquín Cubiella, onde puideron coñecer as liñas de investigación que se están a realizar en Ourense e ao grupo de profesionais que desenvolven a súa actividade científica en GIODO (grupo de investigación en oncoloxia Dixestivo).
Germán Rodríguez-Saá, presidente da Asociación en Ourense, afirmaba que “conseguir alcanzar o reto de superar o 70% de supervivencia en 2030 necesita un compromiso por parte de todos os ámbitos da sociedade. Para iso é necesario contar e dar a coñecer á cidadanía o papel imprescindible que xoga a investigación oncolóxica e a innovación e ese é o obxectivo dos eventos que impulsamos en Ourense”.