CulturaCulturaÚltima hora

ADERCOU-GDR 11 promove a actividade “Abellas, gardiáns do Planeta” nos colexios do rural

Desenvolverase en colaboración coa Agrupación Apícola de Galicia cinco centros educativos do territorio deste territorio ourensán

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Co obxectivo de sensibilizar á comunidade escolar sobre a importancia das abellas no equilibrio do ecosistema e dar a coñecer a apicultura como actividade tradicional e sostible, a Asociación de Desenvolvemento Rural ADERCOU – GDR 11 pon en marcha a proposta “Talleres Apícolas nos coles rurais”, dirixida a alumnado de entre 6 e 12 anos dos colexios públicos de varios concellos da contorna.

A actividade, titulada “Abellas, gardiáns do Planeta”, desenvolverase ata setembro de 2025, en centros escolares rurais achegando o maravilloso mundo das abellas a mais de 400 rapaces.

🏫 Centros participantes:
– Amoeiro: CEIP Plurilingüe Ramón Otero Pedraio (setembro, data por confirmar)
– A Peroxa: CEIP Roberto Blanco Torres (martes, 17 de xuño)
– Coles: CPI Plurilingüe Antonio Faílde (xoves, 12 de xuño)
– Pereiro de Aguiar: CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (martes, 10 de xuño)
– Toén: CEIP Saco e Arce (setembro, data por confirmar)

🎯 Obxectivos principais:
– Fomentar o coñecemento do papel das abellas como polinizadoras.
–  Sensibilizar sobre a importancia da conservación da biodiversidade.
– Promover o respecto e coidado do medio ambiente.
– Visibilizar a apicultura como actividade con futuro e raíces na tradición galega.

🐝 Contido da actividade. A xornada estrutúrase en tres partes:
1. Charla divulgativa e interactiva, con apoio audiovisual, exposición de utensilios apícolas, mostra dunha colmea, e explicación do traballo do apicultor. Os nenos poderán probar o traxe de apicultura e aprender sobre a vida das abellas e os produtos da colmea.
2. Degustación de meles galegos, amparados pola IXP Mel de Galicia. Os participantes descubrirán diferentes variedades de mel, as súas propiedades e beneficios nutricionais.
3. Taller práctico de elaboración de velas con cera de abella, onde cada neno poderá levar para casa unha vela feita coas súas propias mans.

Ademais, realizarase un sorteo dun lote de produtos apícolas, para que unha familia poida seguir descubrindo na casa os sabores e saberes aprendidos, e o colexio será agasallado cun Hotel de insectos proporcionado pola IXP Mel de Galicia, para visibilizar o compromiso que éste ten co medio ambiente e os seus pequenos habitantes.

Formato e duración:

A actividade adaptarase ao horario escolar, podendo desenvolverse en sesións de 2 ou 3 horas, tanto en aulas como en espazos ao aire libre, dependendo das instalacións de cada centro.

ADERCOU – GDR 11 continúa así co seu compromiso pola educación ambiental e pola posta en valor do patrimonio natural e produtivo das comarcas rurais galegas. Unha oportunidade única para que os máis pequenos se acheguen, dun xeito lúdico e participativo, ao apaixonante mundo das abellas.

Back to top button