ConcellosO BarcoÚltima hora

Adeus a Mercedes Ana Moldes, quen fora concelleira de Servizos no Barco e presidenta da Asociación de Amas de Casa

Foto cedida.

 

Malia que nacía en terras vascas e criábase en Melilla, a súa mai era coruñesa e o seu pai era valdeorrés, concretamente de Reporicelo (O Barco), e sempre mantivo o vínculo coas súas raíces. Tanto é así que hai máis de 30 anos, María Mercedes Ana Moldes Ares, decidía, xunto á súa familia, regresar a Valdeorras, seguindo os pasos do seu pai, que mercaba e rehabilitaba unha casa en Outarelo. “Cando o meu avó faleceu, a miña mai retomou ese proxecto e viuse a Outarelo co seu marido, arranxou a casa e quedáronse aquí”, conta a súa filla, Beatriz Pérez Moldes.

Ana Moldes era unha persoa moi alegre, amable, activa, con moitas inquietudes, positiva, loitadora e que se integrou e involucrou na vida social, cultural e mesmo política do Barco. Era tamén moi coñecida pola poboación, que a apreciaba a quería. Así, foi durante moitos anos presidenta da Asociación de Amas de Casa do Barco (organizando cursos, exposicións de pintura, excursións…) e tamén concelleira polo PSdeG-PSOE na década dos anos 2010, con Alfredo García como alcalde. Levou a Concellería de Servizos. Ademais nos últimos anos estaba integrada no grupo “Contar Historia”.

“Era unha muller incombustible, que afrontou moitas dificultades na súa vida, e sempre remontou, sempre loitadora e coa idea de emprender algo, era difícil que se viñera abaixo. E tamén moi reflexiva ata o final, profunda”, destaca a súa filla Isabel.

Era ademais unha muller moi unida á súa familia, especialmente a súa filla Isabel e ao seu esposo Christoph, e aos seus netos Adrián e Ana Mar, que se sentían moi apegados a ela.

Ana Moldes falecía o 19 de abril en Outarelo e a súa capela ardente está instalada no Tanatario Santa Rita do Barco. A  súa familia, amigos e veciños daranlle o seu último adeus nun funeral previsto para o martes 21 de abril ás 17:30h. na Capela de San Francisco Blanco en Outarelo.

Back to top button