CulturaCulturaÚltima hora

Adeus ao artista ourensán Antón Pulido, un pintor e gravador de refencia na cultura galega

Antón Pulido hai uns anos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Triste nova para o mundo cultural e artístico. Antón Pulido Novoa, grabador, pintor e xestor cultural ourensán afincado en Vigo, falecía este venres 11 de setembro aos 81 anos.

Nado en Bóveda de Amoeiro, parroquia de Amoeiro, Antón cursaba Belas Artes nas especialidades de pintura e gravado en Barcelona regresando máis tarde a Galicia. A súa primeira exposición tiña lugar no Ateneo de Ourense; editando depois tres cartafoles de gravados. Na década dos 80 a súa carreira seguiu con diversas exposicións individuais e colectivas, á vez que gañaba a praza como profesor de debuxo en ensino secundario, instalándose en Vigo onde seguiu cos seus traballos como gravador e ilustrador de libros, en especial deseñando as portadas das obras editadas pola editorial Ir Indo. Foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia e tamén o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea.

A nivel artístico na súa obra destaca a cor, pasando por varios estilos. Impresionismo, fauvismo, expresionismo e xa a finais dos noventa a abstracción, con cadros grandes onde combina ritmo, cor e xestos.

De carácter afable, Antón Pulido tamén estaba vinculado co Barco de Valdeorras. Non só a través doutra artista, a pintora barquense Lola Doporto coa que creou lazos de amizade; senón a través da súa gastronomía. Era asiduo dos actos culturais da cidade olívica, así como da actividade do grupo de ourensáns afincados en Vigo, sendo en numerosas ocasións convidado de honra xunto ao alcalde Abel Caballero, á Festa do Botelo do Barco en Vigo que se celebra no mes de marzo no Hotel Coia, compartindo mesa e conversa coa corporación municipal barquense.

Back to top button