OurenseÚltima hora

Adif transformará a antiga estación de Ourense-San Francisco nun novo Centro de Regulación de Circulación

Infografía do novo CRC de Ourense./ Cedida.

 

Adif transformará a antiga estación de Ourense-San Francisco “nun novo Centro de Regulación de Circulación (CRC), un nodo estratéxico de xestión do tráfico ferroviario á vangarda tecnolóxica, que substituirá e ampliará ao actual para centralizar o control de todas liñas de Galicia e responder o crecemento do tráfico ferroviario”, tal e como vén de anunciar esta entidade.

Investiranse 14,7 millóns de euros no novo CRC, que dobrará en superficie (415 m2) ao agora operativo na estación de Ourense e contará con dous novos postos de regulación de circulación, ata sumar cinco. Xestionará a circulación de trens en liñas que suman 1.151 km, fronte ao 920 km actuais, ao asumir a Ourense-Santiago e a liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo.O novo CRC de Ourense “converterase nun centro multirede, ao xestionar liñas dos tres anchos de vía que coexisten na rede ferroviaria española, e disporá das últimas tecnoloxías, entre elas un novo Centro de Tráfico Centralizado (CTC), o ‘corazón’ dos CRC, dado que é a ferramenta (software e hardware) que permite a xestión do tráfico a distancia e en tempo real”, segundo Adif.

Adif dá o primeiro paso a este proxecto coa licitación das obras de renovación e adaptación do edificio da antiga estación de Ourense-San Francisco que albergará o novo CRC, nas que investirá 6,5 millóns de euros. A este contrato sucederanlle os correspondentes ao novo CTC e o resto de equipamento, sistemas e mobiliario, que completará o investimento total. Con esta actuación, Adif “aúna a recuperación dun histórico activo do patrimonio ferroviario e tecnoloxías de vangarda para responder os retos da extensión da rede ferroviaria e a liberalización”, adianta.

A estación de San Francisco, inspirada no barroco galego, data de 1957, data da posta en servizo da liña convencional Puebla de Sanabria-Ourense.

Os CRC

Os CRC son centros neurálxicos da xestión do tráfico ferroviario, operativos 24 horas do día e os 365 días do ano. Adif conta con 20 CRC, que supervisan a circulación pola rede ferroviaria nacional, para asegurar o cumprimento dos plans de transporte e optimizar a capacidade da rede con criterios de fiabilidade, puntualidade e calidade. Para iso integran e regulan simultaneamente os sistemas que interveñen no control e a regulación do tráfico ferroviario: sinalización, electrificación, sistemas de comunicacións, e información e enerxía, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button