EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

AEVA fai balance anual da súa actividade tras case un ano de Carlos Terán na presidencia

A asociación reunía aos seus asociados nunha asemblea celebrada esta tarde no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín

 

“O ano 2025 ten iso un ano de avances importantes, incluso nun contexto esixente”, dicía o presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Carlos Terán Búa, no inicio da asemblea anual que esta organización celebraba este 24 de abril no Complexo Hostaleiro Paladium en Vilamartín, na que facía balance dos eixos de actuación do 2025.

“En infraestruturas mantivemos a nosa reivindicación da A-76, a mellora da N-120 ante as administracións competentes, insistindo na súa urxencia para favorecer a competitividade das empresas de Valdeorras. Así mesmo reclamamos melloras no transporte público e na conectividade ferroviaria. Tamén se trasladaron propuestas relacionadas co solo industrial e mellora da mobilidade na comarca”, dicía Terán. Repasaba ademais as diferentes áreas de traballo de AEVA, entre elas a da Axencia de Colocación, que xestiona procesos de selección e conecta empresas con demandantes de emprego, mantívose unha ampla base de usuarios con máis de 4.000 persoas e colaboración con empresas de diferentes sectores, facilitando novas oportunidades laborais”.

Mencionaba ademais o Servizo de Orientación Laboral, prestaba atención a máis de 500 persoas, “este labor artellouse a través dunha metodoloxía integral”. Ademais do acompañamiento individualizado, o servizo melloraba as súas liñas de asesoramento técnico en materias de emprego, “proporcionando aos participantes as ferramentas necesarias para a inserción”.

 

 

Terán resaltaba programas como Aevaemprégate VII, con accións de formación, orientación e acompañamiento empresarial como un recurso clave. “No 2025 AEVA reforzou de forma decida a súa aposta por unha formación práctica e alineada coas necesidades reais do tecido empresarial, entendida como unha ferramenta clave para mellorar a competitividade e a adaptación a un entorno en constante cambio. Neste senso púxose especial énfase en ámbitos estratéxicos como a dixitalización, Intelixencia Artificial, ciberseguridade e a adaptación ás esixencias normativas. Ao longo do ano desenvolvéronse diversas accións formativas dirixidas tanto a empresas como a traballadores e persoas desempregadas, combinando formatos presenciais, talleres prácticos e sesións formativas”. Por outra banda, desenvolvíanse talleres sectoriais, adaptados ás características da comarca, “con especial atención ao comercio, a hostalaría e a viticultura, contribuíndo a mellorar a cualificación profesional e a calidade dos servizos ofrecidos”.

 

 

Terán incidía no impulso do “emprendemento e do talento mozo mediante talleres en centros educativos, achegando o mundo empresarial a estudantes e promovendo unha cultura emprendedora dende idades temperás. Estas iniciativas permitiron fortalecer o vínculo entre empresas e educación, favorecendo a orientación laboral e o relevo xeracional”. Citaba tamén as accións impulsadas para dinamizar o comercio local, a hostalaría e a promoción de Valdeorras “como territorio atractivo dende un punto de vista económico e turístico. Estas iniciativas contribuíron a reforzar o consumo de proximidade e a pór en valor os recursos propios da comarca”.

Neste senso citaba “O Barco vai de viños”, cun “notable impacto económico e conta cunha notable participación”, ou a ruta de pinchos “Petiscos coa D.O. Valdeorras”, na Rúa e no Barco. “Este tipo de accións non só dinamizan a actividade hostaleira, senón que tamén contribúen a reforzar a imaxe de Valdeorras como un destino de referencia ligado á gastronomía e ao viño”.

Por outra banda, falaba Terán do proxecto “Recomenda Valdeorras”, xa no eido do turismo, que evolucionou cara un “modelo máis innovador, participativo e adaptado ao entorno dixital, impulsando unha rede de recomendadores do territorio”; así como do de “Valdeorras Sostible”, que integrou “de forma transversal a sostibilidade, a cultura e o comercio loca, desenvolvendo iniciativas de carácter participativo”.

 

 

 

Finalmente, o presidente de AEVA apuntaba que a entidade mantivo unha intensa actividade institucional, participando en xuntanzas, foros e espazos de diálogo con administracións e entidades. “En conxunto, 2025 ten sido un ano de traballo intenso, no que AEVA ten consolidado o seu papel como axente clave no desenvolvemento económico e social de Valdeorras”.

No decurso da asemblea saían adiante os diferentes puntos da orde do día, entre eles a memoria de actividades do 2025, as contas do pasado ano e a previsión de orzamento para o 2026. Tamén se aprobaban as novas solicitudes de afiliación.

Ao acto asistían representantes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), entre eles o seu presidente David Martínez, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Pérez, Gómez.

A asemblea concluía cun cóctel con viños de Valdeorras para os asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Ampliarase galería fotográfica da asemblea.

 

Back to top button