EconomíaEconomíaÚltima hora

AEVA manifesta a súa preocupación polas “reiteradas incidencias no servizo ferroviario”

Estación de ferrocarril do Barco./ Foto: A.R.

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de emitir un comunicado no que traslada publicamente a súa preocupación ante “as recentes incidencias rexistradas na liña ferroviaria que presta servizo á nosa comarca, así como ante a situación xeral do transporte por tren no territorio”.

Neste senso, apunta que durante os días 17 e 18 de febreiro producíronse “novos episodios que afectaron directamente á mobilidade de veciños, traballadores e visitantes. Por unha banda, a interrupción da circulación ferroviaria entre Montefurado e Monforte de Lemos, como consecuencia dun incendio na infraestrutura, obrigou a suspender temporalmente o servizo e a habilitar transporte alternativo por estrada. Por outra, unha avaría en a catenaria deixou detido un tren rexional con saída desde O Barco de Valdeorras, sendo necesaria a evacuación de pasaxeiros e a intervención dos servizos de emerxencia. Estes feitos non son illados. Súmanse a outras incidencias, atrasos e problemas técnicos que veñen rexistrando nos últimos anos e que evidencian a fraxilidade dunha infraestrutura estratéxica para a nosa comarca. Valdeorras depende en gran medida do transporte ferroviario tanto para a mobilidade diaria dos seus cidadáns como para a actividade económica, o turismo e a conexión con outros núcleos urbanos”.

Por outra banda, AEVA sinala que a esta situación súmase “a problemática do servizo de alta velocidade con parada na Gudiña, que tras a reducción e reorganización de frecuencias viu minimizadas as súas prestacións. Os numerosos atrasos que veñen producindo nesta conexión afectan de maneira directa a usuarios de Valdeorras, que consideran esta estación un punto estratéxico e necesario para garantir unha adecuada conectividade co resto de Galicia e co conxunto do territorio nacional”.

Por iso, AEVA indica que “a reiteración de avarías, interrupcións e atrasos xera unha situación de incerteza que prexudica a competitividade do tecido empresarial e afecta negativamente á calidade de vida da cidadanía. Unha comarca que aposta polo desenvolvemento empresarial, industrial e turístico necesita contar con servizos ferroviarios fiables, seguros, suficientes e adaptados ás necesidades actuais. Por iso, solicitamos ás administracións competentes que reforcen os investimentos en mantemento, modernización e mellora das infraestruturas ferroviarias que dan servizo a Valdeorras, así como unha revisión da planificación de frecuencias e servizos que garanta unha conectividade estable e acorde coa importancia estratégica do noso territorio. Valdeorras merece futuro”.

Back to top button