EconomíaEconomíaÚltima hora

AEVA realiza unha doazón solidaria a Morea con motivo do Nadal

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de realizar unha doazón solidaria á Asociación Morea con motivo do Nadal, dentro da iniciativa AEVA Solidaria, unha actividade impulsada en anos anteriores e que se retoma este ano con vocación de continuidade, reforzando o compromiso social da asociación empresarial co tecido asociativo da comarca.

Esta achega económica destinarase á adquisición de mobiliario necesario para o desenvolvemento da actividade diaria da asociación, contribuíndo á mellora das súas instalacións e á creación de espazos máis adecuados para a atención e o acompañamento das persoas usuarias. O mobiliario será adquirido nun dos comercios asociados a AEVA, fomentando ao mesmo tempo o apoio ao comercio local.

“A Asociación Morea desenvolve desde hai anos un importante labor social en Valdeorras, traballando no ámbito da saúde mental e prestando apoio tanto ás persoas afectadas como ás súas familias. O seu traballo céntrase na mellora da calidade de vida, a integración social e o fomento da autonomía persoal, consolidándose como un referente social na comarca”, asegura a asociación empresarial.

A iniciativa AEVA Solidaria enmárcase nas accións que esta entidade impulsa “para reforzar a súa implicación coa contorna social e humano de Valdeorras, especialmente nunha época tan significativa como o Nadal”.

A doazón foi formalizada nun encontro entre representantes de ambas as entidades, no que se fixo entrega dunha achega económica de 500 euros, sendo recollida por Nuria Fernández González, directora da delegación do Barco, e por José M. Cardoso, usuario da asociación, nun ambiente de colaboración e recoñecemento mutuo que pon de manifesto a vontade de seguir fortalecendo a cooperación entre o tecido empresarial e o tecido social da comarca.

“Con este xesto, AEVA reafirma o seu compromiso non só co desenvolvemento económico de Valdeorras, senón tamén co benestar social e o apoio a iniciativas que traballan por unha comunidade máis xusta e cohesionada”, din de a entidade.

Back to top button