En portadaÚltima hora

Aeva reforza a súa colaboración coas administracións e coas forzas de seguridade ante os recentes casos de roubos

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de emitir unha nota de prensa para trasladar “publicamente a súa preocupación ante os recentes casos de roubos e furtos sufridos en diversos negocios e particulares na comarca”. Desde a asociación, destácase o impacto que estes feitos teñen na actividade económica local e na tranquilidade de empresarios e traballadores.

Neste contexto, AEVA mantivo reunións de traballo, co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, así como contactos coa Garda Civil e coa Policía Local do Barco, aos que quere agradecer “a súa profesionalidade e esforzo constante para esclarecer os delitos e mellorar a seguridade na comarca. Estes contactos buscan reforzar a coordinación e o compromiso conxunto coas institucións e os corpos de seguridade na protección dos negocios e a cidadanía”.

Ante esta situación, AEVA anima a todos os empresarios e cidadáns a “denunciar calquera feito delituoso, por pequeno que pareza, xa que a denuncia é a ferramenta fundamental para que as forzas de seguridade poidan actuar con eficacia. A asociación lembra que a Garda Civil ofrece unha plataforma de denuncias en liña a través da súa web oficial https://www.guardiacivil.es/es/servicios/denuncias/de_forma_telematica/index.html, que facilita a comunicación de roubos, furtos e outros delitos menores de forma áxil e segura, permitindo aos afectados presentar a denuncia inicial de forma telemática e ratificala posteriormente nun cuartel”.

 

 

Así mesmo, AEVA ponse ao dispor dos seus asociados “para canalizar as súas inquietudes, ofrecer asesoramento en materia de seguridade e colaborar estreitamente coas forzas de seguridade na prevención e detección de delitos”. A asociación propón manter unha comunicación directa con Garda Civil e Policía Local para compartir información relevante, ademais de estudar medidas como a mellora da vixilancia e a difusión de consellos de autoprotección entre os empresarios.

“A seguridade é tarefa de todos. Só traballando da man coas autoridades e as forzas de seguridade lograremos que Valdeorras sexa un lugar máis seguro para vivir e traballar”, afirmou a presidenta de AEVA, Araceli Fernández. “Animamos a todos os empresarios a que denuncien calquera incidente, porque cada denuncia conta e é fundamental para que a seguridade mellore”.

E adianta que “AEVA seguirá traballando activamente para garantir unha contorna segura e estable para a actividade empresarial en Valdeorras, reforzando o seu compromiso de apoio e acompañamento a todos os negocios da comarca”.

Fotos cedidas.

Back to top button