En portadaÚltima hora

Aforo completo na segunda cita de Entre Covas 2026, nas Pinguelas da Rúa, con música do dúo Abril

 

Cunha combinación de cultura, gastronomía, patrimonio e natureza nunha contorna única como é o barrio das Pinguelas, no concello da Rúa, se celebraba na tardiña do venres 17 de xullo a segunda cita do festival de artes e enoturismo Entre Covas deste 2026. Unha cita, organizadoa pola Ruta do Viño de Valdeorras co apoio de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, que volvía colgar o cartel de aforo completo, con moitos dos cincuenta asistentes repetindo a experiencia xa vivida en Seadur (Larouco).

A xornada comezaba coa recepción na Adega Melillas, na zona da Coroa, onde cun primeiro viño na man, os asistentes puideron visitar a súa cova guiados por Sonia Prada. Despois houbo un pequeno paseo entre viñedos e bosque de ribeira para baixar ata a zona das Pinguelas, cunha primeira parada na cova da Adega Joaquín Rebolledo. Alí, a súa enóloga, Catalina Maroto, daba a benvida ao espazo onde o dúo galego Abril ofrecía un concerto.

 

 

Integrado por Claudia Abril e Marina Carpente, este grupo é considerado unha das propostas emerxentes máis destacadas do folk contemporáneo galego e o seu primeiro disco, Medrar foi recoñecido este mesmo ano cun Premio Martín Códax.

Trala música, o grupo desprazábase ata o interior das Pinguelas onde Joaquín Sánchez, da Adega Alan de Val, amosou a súa cova. O broche da xornada púxoo a degustación de viños e pinchos ofrecida no exterior, xunto ao regueiro e baixo o frescor das árbores, onde a iluminación e a música contribuíron a crear un ambiente de desfrute.

A enóloga Cecilia Fernández, tamén asociada da Ruta do Viño, presentou as sete referencias que se podían catar, e que incluían viños das adegas visitadas e mais de Roandi, Godeval, A Bágoa e Adega Blare. Foron tres godellos, un rosado e dous tintos que estiveron acompañados dos pinchos elaborados polo Complexo Hotaleiro Paladium.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button