Segundo o previsto no mediodía deste frío pero soleado sábado 27 de decembro celebrábase na Rúa Vella a XXIII edición da Festa da Empanada de Costrelas, cita gastronómica organizada pola Asociación Sabugueiro, á que asistían unhas 350 persoas.

En torno ás 14 horas abrían as portas da carpa climatizada ubicada no campo de San Roque, para acoller aos comensais que degustaban un menú elaborado e servido por Mantesil a base de sopas de allo, empanada de costelas adobadas e torta de roxóns, á parte de viño, café e licores.

E coma sempre, tralo xantar e ao ritmo do dj, tiña lugar o sorteo de agasallos donados polos colaboradores coas entradas que os membros da asociación vendían entre os comensais. Á cita non faltaban veciños da Rúa, de Petín e tamén do Barco, entre outros lugares, entre os que estaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, coa súa familia.

Fotos: Carlos G. Hervella.