O grupo de sendeirismo de Afundación +60 de Ourense, no día despois do “apagamento”, volve ás Terras de Trives. No ano 2024 abía sido o roteiro de Pobra de Trives a Manzaneda e nesta ocasión desde San Xoán de Río ata o Miradoiro de Penas de Rome e o concello de Pobra de Trives.
Saímos das inmediacións da igrexa parroquial de San Xoan de Río para dirixirnos por Fondo de Vila á espectacular paraxe da Fraga que nos transporta a un mundo máxico de carballos e castaños centenarios cun chan ben abrandado pola follaxe.
Un pequeno descanso no Miradoiro da Fraga para observar o canón por onde discorre o río Navea, a Fraga de Penafolenche que temos enfronte e o seu Miradoiro, o cal posteriormente visitaremos. Seguimos avanzando con algunha que outra cuestecilla, pero sempre predominando o descenso, por este mundo de silencio ata alcanzar logo de cruzar a OU-536 o Miradoiro de Ponte Navea.
Outro breve descanso para contemplar a vella ponte da Vía Nova ou Vía XVIII do itinerario Antonino que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga) construída baixo mandato dos emperadores Tito e Domiciano en torno ao 80 d.C.

Cruzamos a ponte sobre o río Navea o cal traza a liña divisoria dos concellos de San Xoan de Río e A Pobra de Trives para seguir un tramo en continuo ascenso pola Vía Nova a cal posteriormente deixaremos para achegarnos a outro punto máxico da xornada os Sequeiros de Penafolenche.
Construcións tradicionais que se usaban nos meses da recolección da castaña, cumprindo unha dobre función: o secado das castañas e o acoller ás persoas encargadas deste traballo e a recolección.
Un curto pero esixente tramo sitúanos na poboación de Penafolenche e o seu Miradoiro cunha visión extraordinaria de 360º situado sobre unha gran rocha. Alcanzamos a ver: Cabeza de Manzaneda, Peña Trevinca, San Mamede, o Courel, Valdeorras, o alto do Cerengo…

Desde este punto e por carreiro entre carballos imos chegar ao final do roteiro no Miradoiro de Penas de Rome, sen dúbida outro recuncho inesquecible, situado nas inmediacións da OU-536. Formación rochosa situada sobre o Barranco do Navea cunha fermosa vista cara ao pobo de Navea, declarado como a Primeira Paisaxe Protexida de Galicia.
Xa só quedábanos coller o autobús cara ao Restaurante A Viúva na Pobra de Trives onde o chef Anxo Trives xunto co seu equipo lograron que fose un día de sendeirismo o que se di redondo.
Texto e imaxes: Grupo de sendeirismo de Afundación +60 de Ourense