ColaboraciónsConcellosO BarcoOpiniónÚltima hora

Agradecementos da directiva da Asociación Casino do Barco

Carta da dirección do Casino do Barco para agradecer os apoios recibidos tras o incendio que afectaba ao edificio onde teñen a súa sede na vila

 

O mércores, 11 de setembro, amencemos co corazón encolleito porque parte daquilo polo que traballaramos, dedicado tempo e esforzo desaparecera vítima dun virulento lume. Xa desde primeiras horas da mañá, empezamos a recibir mensaxes e chamadas (máis de mil) de ánimo, de agarimo, de contade connosco… e, por iso, queremos dar as grazas.

Grazas ás Autoridades, Concellos, Organismos Públicos, Instituto Estudos Valdeorreses, Asociacións de Comercio, Empresas, Asociacións Deportivas, negocios de lecer e restauración, particulares…. e, grazas especiais a todos os membros da Asociación.

Sentímonos tan queridos e apoiados que estamos seguros que, nun prazo non moi afastado, volveremos ter as nosas instalacións funcionando ao cento por cento.

O noso ánimo, enerxía, ganas de esforzarnos e de traballar para esta Asociación á que queremos, saíron reforzados.

Non podemos e non debemos esquecernos dos nosos compañeiros de Restaurante Guigurri e de Mc Training S.C aos que transmitimos os nosos mellores desexos e brindamos apoio e axuda. Somos a familia do Paseo do Malecón, 1.

Sabemos que, máis pronto que tarde, Jesús e David matarannos con 200 abdominais por non podernos resistir ao excelente asado que nos preparará Horacio.

Pronto estaremos a xogar ao mus, tomando unha copa, gozando dunha exposición de pintura, da presentación dun libro ou celebrando unha cea-baile de Entroido. Pronto retomaremos todas as actividades culturais e lúdicas que tiñamos programadas.

Insistimos, mil grazas polos vosos ánimos e apoio.

Texto: Directiva da Sociedade Casino do Barco.

Back to top button