EntrevistasÚltima hora

Alberto Portela: “En Galicia o sector gandeiro é protagonista”

Este doutor en Veterinaria e investigador na historia desta ciencia analiza a evolución do modelo e estrutura da gandería galega dende o século XX ata a hoxe, ademais de falar de retos futuros do sector como o cambio climático, a competencia global, o envellecemento da poboación rural ou a sustentabilidade

Alberto Portela./ Foto cedida.

 

Para entender o sector agrogandeiro galego actual hai que mirar atrás. Fenómenos como a despoboación rural, a perda de explotacións, o abandono da xestión do territorio… teñen a súa orixe no modelo que se poñía en marcha nos anos 60. Así o sinala o doutor en Veterinaria e investigador Alberto Portela Vázquez, tamén fundador e presidente da Asociación Gallega de Historia de la Veterinaria (Hisvega). Ao longo desta conversa analiza a evolución e características da gandería en Galicia dende o século XX ata hoxe. Unha análise na que agradece “a axuda que me prestou o meu compañero e amigo Antonio Álvarez Feijoo en canto a datos de gandería”, comenta.

¿Como empeza a interesarse pola historia da veterinaria?

Ao rematar os estudos, formeime nunha empresa privada e unha persoa maior comezou a preguntarme sobre temas da historia da ciencia, se coñecía a certos personaxes… E o certo é que cando rematas a carreira sabes moito de ciencias e de doenzas, pero pouco de humanidades. E aí naceu ese gusanillo, e cada vez funme achegando máis a ese campo e coñecendo a xente que trouxo progreso á ciencia das vacinas ou en cuestións de alimentos, como foi o caso de Cruz Gallastegui, ao que lle dediquei un libro, que trouxo o millo dobre híbrido por primeira vez a Europa, algo bastante chamativo, e cultivouno na primeira Escola de Veterinaria, onde hoxe está o Parlamento de Galicia. Iso fíxome amar a profesión e ir sabendo máis da súa historia.

Logo coñecín en León a Miguel Cordero del Campillo, un pioneiro na historia, que me animou, con outro compañeiro, a montar unha asociación de historia da Veterinaria que leva 17 anos funcionando, Hisvega, e que está integrada na Asociación Española Historia de la Veterinaria (AEHV).

¿Que etapas destacaría na evolución da gandería galega no século XX?

O século é moi longo, non ten nada que ver a primeira metade coa segunda, é mellor dividilo en terzos. A primeira metade coincide coa guerra civil e posguerra, cunha economía de subsistencia: 3/4/5 vacas rubias, un cabalo ou burro (máis rico ou máis pobre), 1-2 porcos, unhas pitiñas… Iso está reflectido nas fotos de Fontefiz e prolongarase durante o illamento que provoca a ditadura. Na última fase da ditadura (anos 60 e moitos 70), na que entran aires innovadores (maquinaria de segunda man de Europa: tractores, remolques, arados…) intensificarase a industria, os pegasos, ordeñadoras.. Empézase a cambiar as rubias polas frisonas; ese excedente de leite (transportado en bidóns en burros ata unha estrada) é un complemento económico moi importante.

¿Cando empeza a ter entidade como tal en Galicia o sector gandeiro?

É no último terzo do século cando se pode falar de gandería como tal, cando pasamos a sistemas intensivos. As cooperativas foron clave para o salto, para favorecer o modelo intensivo. Comezou nos anos 60 cando o estado franquista empezou a traer continuadamente gando frisón e difundilo pola rexión, á vez que se impulsaban fórmulas de alimentación adaptadas a esta nova raza cos cultivos de millo forraxeiro e a cavadura de terreos para pastos. O maior auxe darase nos anos 70 e 80, cando este proceso faise máis intenso e xa nos achegamos á produción láctea tal e como a coñecemos hoxe.

O proceso parte da iniciativa estatal, que a través dos distintos organismos agrarios a nivel local do momento (as Cámaras Agrarias, o Servizo de Extensión Agraria, as Irmandades Sindicais de Labradores e Gandeiros) instaba a solicitar gando frisón, que era concedido de forma subvencionada, con moi boas condicións. Por cada cabeza que o estado cedía a un particular, este tíñalle que devolver a primeira cría femia aos 9 meses, unha vez criada, e que despois sería cedida a outro particular que tería que facer o mesmo. Desta forma, o estado aumentaba continuamente o número de cabezas de gando frisón que podía distribuír, tendo ademais, con este método, controlada a ascendencia e os resultados produtivos.

Desde principios dos 60 empeza a estenderse xa a inseminación artificial, que, a partir de sementais selectos, estaba a transmitir boas aptitudes leiteiras a crías, aínda que fosen de gando rubio. Igualmente eran bonificadas as plantacións de millo forraxeiro e o mantemento de prados de boas calidades, subvencionábase a construción de silos para a herba e tamén de fosas de xurro. Outra cuestión na que se incidiu moito foi na da sanidade coas primeiras campañas de saneamento.

A produción de carne non se deixou de lado xa que o estado seguía necesitándoa. O equivalente ideal ás novas explotacións de leite, pero no ámbito da produción de carne, eran as naves cebadeiros de “Acción Concertada” que nos 60 comezaron a difundirse. Estas permitirían non só suplir a carne que se deixaba de obter nas casas, senón que aínda proporcionarían unha produción moito máis elevada por métodos intensivos en base a pensos, chegando a estes cebadeiros os tenreiros para a súa recría, moitos dos cales virían precisamente das granxas de leite.

As autoridades franquistas visualizaban un ideal produtivo gandeiro no que debían dedicarse á gandería de leite aquelas zonas que fosen máis húmidas, o que lles permitiría ter pasto abundante ao longo do ano ou que fixesen posible poñer en marcha as accións de concentración parcelaria e cultivar extensións de millo forraxeiro. As zonas nas que naquela época puxeron máis empeño en potenciar a gandería de leite son nas que hoxe se atopa o forte da produción: o interior da Coruña, o norte de Pontevedra e o interior de Lugo.

Naquelas partes máis agrestes ou nas que a adaptación do gando de leite fose máis complicada, por exemplo a montaña de Lugo, manteríase a produción de carne e o gando rubio. As autoridades da época franquista continuarían a mellora produtiva do gando rubio cos mesmos métodos que empregaban para as outras razas, é dicir, mantendo o control de descendentes e seleccionando os de mellores calidades como sementais selectos para inseminación artificial. En Galicia, este desafío modernizador e produtivo logrouse xa que somos unha das primeiras rexións produtoras de leite de Europa. As nosas explotacións asumiron a modernización, que o estado impulsaba, e conseguiron unha produción crecente destinada ao mercado.

 

Cedida.

 

No transcurso deste proceso e desde aqueles anos 60, moitas ganderías non puideron afrontar esta dinámica de ter que realizar investimentos para reducir os custos. E como a dependencia cara a futuro baséase exclusivamente na obtención de beneficios, tiveron que acabar pechando. Mentres tanto, as que si o logran vanse reforzando, pero non deixan de seguir competindo con outras doutras zonas. Este é un proceso que se fai máis intenso co tempo e segundo nos achegamos ao día de hoxe.

É certo que as ganderías de leite producen cada vez máis, pero fano moitas menos explotacións, e polo camiño foron pechando moitas máis cos efectos derivados de perda de poboación no rural, abandono da xestión do territorio, o que favorece os incendios, a imposibilidade de controlar os animais salvaxes… Os fenómenos que estamos a ver hoxe enlazan directamente co desenvolvemento ao longo do tempo dese modelo agrogandeiro, posto en marcha naquela época no que se primaba, ante todo, conseguir os obxectivos produtivos dos alimentos gandeiros.

¿Que particularidades presenta a estrutura gandeira galega? ¿como mudou o modelo de explotación?

Galicia produce hoxe máis leite que fai 15 anos e o sector segue inmerso nun proceso de concentración que se está dando tamén en toda Europa. Actualmente, a comunidade acolle un terzo das explotacións de leite e de carne de España. Pero, ¿como son as granxas galegas? Pois, non se está apostando por macrogranxas. A pesar do proceso de concentración que se está vivindo, que axuda ás explotacións a ser máis rendibles, a explotación media galega ten 52 vacas en muxido, 20 unidades menos que no resto de España. Ademais, a facturación media das 6.400 explotacións que existen na comunidade é de 300.000 euros.

En Galicia contabilízanse un total de 19.537 ganderías de vacún de carne con 430.000 animais. En concreto, as ganderías de vacún teñen de media uns 22 animais e xestionan algo máis de 11 hectáreas. Sacrifícanse unhas 381.000 canles de vacún, cun peso medio de 250 quilos canle, o que deixa unhas 95.000 toneladas de carne en 2020, segundo os datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural. A comarca do Deza e o sur da provincia de Ourense son as principais zonas de produción porcina en Galicia. Na comunidade contabilízanse un total de 2.591 granxas porcinas con 1.500.000 prazas. De media, cada granxa ten 591 prazas. Xunto coa gandería de porcino, boa parte das 1.075 ganderías de aves que se contabilizan en Galicia tamén están no Deza, Terra Chá e o sur da provincia de Ourense. Cóntase con case 25 millóns de prazas instaladas e cada gandería dispón de media dunhas 23.000 prazas.

O sector lácteo galego atópase nun proceso de crecemento constante, sendo Galicia a rexión que máis aumenta en produción en relación con territorios semellantes do resto de Europa. Galicia salva un ano máis a produción láctea española. No 2023 a comunidade superou os 3 millóns de toneladas de leite producidas, en concreto 3.001.683, 30.158 toneladas máis que en 2022 (un 1% máis). Cos datos do 2023, Galicia achégase ao 41% da produción láctea total española. A pesar dos bos prezos do leite rexistrados en todo o 2023, seguen pechando granxas, a un ritmo dunha ao día en Galicia. A comunidade perdeu no último ano 362 explotacións leiteiras. O principal problema ao que se enfronta o sector é garantir a súa rendibilidade e evitar o desplome dos prezos.

¿Como ve a situación actual do sector e a súa sosibilidade?

En Galicia, onde o sector gandeiro é protagonista, existe outro actor esencial: a presión sobre a terra. A nosa gandería enfronta presións vinculadas coa dispoñibilidade e o acceso á terra para pastoreo e produción de forraxe. A urbanización, a fragmentación da propiedade da terra e a competencia con outros usos da mesma, como a agricultura intensiva ou a silvicultura, poden limitar os espazos dispoñibles para a gandería extensiva. As regulacións ambientais e sanitarias poden impoñer restricións e requisitos adicionais aos gandeiros galegos, o que pode aumentar os custos de cumprimento e afectar á viabilidade económica das explotacións. Isto inclúe normativas relacionadas co manexo de estercos, a calidade da auga e a xestión de residuos.

¿Que retos ten por diante o sector?

O sector agrario galego enfróntase a unha serie de desafíos que requiren atención e estratexias para a súa superación. Un deles é o cambio climático e a variabilidade climática, que representan unha ameaza significativa. Fenómenos extremos como secas, ondas de calor e tormentas intensas poden afectar á produción de cultivos, subministración de auga e saúde do gando. Ademais o agro español está nun mercado global cada vez máis complexo e competitivo.

Os agricultores enfróntanse á presión dos prezos baixos dos produtos agrícolas e gandeiros, o que pode dificultar a súa rendibilidade e viabilidade económica. Por outra banda, o envellecemento da poboación rural e a escaseza de man de obra son problemas críticos que afectan á viabilidade a longo prazo do sector. Finalmente, o agro e a gandería poden ter impactos negativos no medio ambiente, como a degradación do chan, a contaminación da auga e a perda de biodiversidade. Cada vez son máis complexas as esixencias ambientais.

Texto: A.R.

Máis información no Especial Nadal 2024 do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button